Skip to main content
Lugo

A Deputación entrega 24 diplomas de formación a policías locais de Lugo

Por 2 Xuño, 2022Xuño 3rd, 2022Sin comentarios

24 axentes da Policía Local de Lugo recibiron hoxe os diplomas acreditativos de participación no curso Dinámica e Preparación de Controis Policiais, unha acción ofrecida pola Deputación de Lugo dentro do seu Plan Agrupado de Formación Continua, que está aberto a traballadores públicos, tanto da institución provincial como dos concellos.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, entregaron estes diplomas. No acto tamén participaron a Deputada de Ensino, Formación e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

O Presidente felicitou aos axentes polo seu “compromiso co público” e o “interese individual e colectivo por seguir formándose, e desta forma, ofrecer cada vez mellores servizos á cidadanía”.

Neste sentido, José Tomé expresou a súa satisfacción pola “boa resposta dos empregados públicos cando poñemos en marcha unha acción formativa, algo que nos axuda a seguir mellorando, entre todos, os servizos públicos que dende as administracións ofrecemos aos veciños e veciñas da nosa provincia”.

Ademais, o mandatario provincial aproveitou para felicitar á Policía Local de Lugo polo seu 160 aniversario, por “máis de século e medio de servizo e dedicación á seguridade e a atender aos habitantes da cidade, dende a proximidade e o coñecemento da realidade dos veciños e veciñas”.

Lembrou que a Deputación “só é un pouco máis vella que a Policía Local de Lugo, só uns 40 anos máis, e compartimos esa vocación de servizo aos cidadáns e, dun xeito especial, unha vocación de cooperación cos concellos”.

O Plan Agrupado de Formación Continua do que forma parte este curso, dixo o Presidente, “é un bo exemplo desa ampla colaboración que a Deputación mantén cos concellos, económica, pero tamén técnica e formativa”. Explicou que as accións deste plan “atenden a materias de orde moi diverso, pero buscan un obxectivo común: contar cuns servizos públicos de calidade, modernos, que poñan no centro da súa actuación aos cidadáns, como fan os axentes que traballan na Policía Local de Lugo e de toda a provincia”.

O Plan Agrupado de Formación Continua da Deputación incluíu o pasado ano un total de 21 accións diferentes, centradas nas áreas de administración electrónica, xurídico-procedimental, novas tecnoloxías, transparencia e boa gobernanza, igualdade, prevención e responsabilidade social relacionada co medio ambiente, entre outras.