Skip to main content
Axenda CaducadaLugo

Lugo, capital europea de planificación agraria

Por 18 Xuño, 2022Xuño 25th, 2022Sin comentarios

Lugo converterase na capital europea de extensión rural e da planificación agraria do 21 ao 25 de xuño. Período durante o que máis de 200 asesores rurais, investigadores e responsables de administracións agrarias de máis de 30 países europeos participarán nas distintas sesións.

16 grupos de traballo sobre temáticas de interese para a realidade agraria e rural desenvolverán as distintas sesións plenarias programadas na sede universitaria. Esta actividade se complementará con visitas técnicass e xornadas de campo por toda a xeografía da provincia.

O congreso, concibido como unha plataforma de intercambio de coñecemento científico e de experiencias útiles para mellorar a situación das áreas rurais de Europa, recala por vez primeira na Península Ibérica.

Un punto de encontro onde se debaterá sobre os desafíos aos que se enfrontan as actividades agrarias e as persoas que as desenvolven, así como respecto dos retos que deben sortear as explotacións agrarias nun contexto de crecentes esixencias medioambientais ou cambios normativos na Política Agraria Comúns.

Neste contexto de cambios e inestabilidade de prezos que obrigan a explorar novos mercados, as redes europeas de asesoramento rural entenden “vital” a potenciación dos servizos de extensión rural, ademais de medidas de innovación e investigación acaídas para mellorar as competencias técnicas, metodolóxicas e ata operativas dos axentes implicados no mundo rural en aras a avanzar cara a un desenvolvemento sustentable, segundo indica o profesor da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra e organizador local deste congreso, Florentino Díaz.

PROGRAMA

O reitor da USC, Antonio López, e o conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, acompañados dos presidentes das redes europeas de asesoramento rural abrirán o mércores 22 de xuño, a partir das 9.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria, as sesións plenarias do programa deste congreso, que contará con tradución simultánea en alemán e español.

A coordinadora de Investigación e Innovación Agraria na UE (AKIS), Elena Teodora Mirón, abrirá a primeira quenda de intervencións nunha sesión plenaria moderada por Andrés Montero Aparicio, do Gabinete de Presidencia do Goberno de España, cun relatorio no que afondará sobre o cometido que desenvolven os servizos de asesoramento na transformación do sector agrario.

De seguido, a directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agraria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa), Isabel Bombal Díaz, tratará a importancia da cadea de valor do coñecemento e da innovación para a mellora do medio rural.

Un relatorio do director Xeral do Agacal da Xunta de Galicia, José Luis Cabarcos, sobre o estado actual do sector agroalimentario en Galicia, servirá de peche desta primeira palestra de relatorios. A primeira xornada continuará en quenda de tarde coa celebración de grupos de traballo específicos.

As visitas técnicas a diversos enclaves de Galicia, a fin de coñecer formas de aproveitamento, transformación, comercialización dos recursos agrícolas, gandeiros e mariños, centrará o xoves o programa dun congreso que terá continuidade o venres co relatorio Integración de sectores agrario e forestal contra o cambio climático, a cargo do catedrático da USC Antonio Rigueiro, e con diversas exposicións de asesores rurais de Galicia.

Os congresistas aproveitarán a última xornada deste encontro para completar un treito do Camiño de Santiago desde Palas de Rei, unha camiñada que aproveitarán para poñer en práctica a metodoloxía ‘coaching’ no eido do asesoramento rural.