Skip to main content
Lugo

O Concello arranca unha campaña contra o maltrato na vellez

Por 14 Xuño, 2022Sin comentarios

A concellería de Benestar Social arranca unha campaña de concienciación sobre a discriminación á vellez e para prever o abuso e o maltrato ao colectivo ancián. Con motivo do Día Mundial da toma de conciencia do abuso e maltrato na vellez, que se conmemora o 15 de xuño.

Unha realidade discriminatoria oculta na sociedade e incluso normalizada polas mesmas persoas maiores.

Para iso, a institución local sumouse á iniciativa posta en marcha pola Confederación Estatal de Maiores Activos (CONFEMAC) que baixo o lema ‘Se sospeitas, comunícao. Se o ves, denúnciao. Non sexamos cómplices’, convida a toda a poboación a chamar ao teléfono gratuíto do maltrato a persoas maiores, en caso de detectar este tipo de conductas.

O número é o 900 656 566, que se difunde na cartelería instalada no mobiliario urbano municipal, e que está dispoñible as 24 horas, os 365 días do ano.

Trátase dun servizo financiado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e que a través do CONFEMAC ofrece asesoramento e orientación sobre os recursos dispoñibles para loitar contra este maltrato, que vai máis aló da agresión física, incluíndo dano psicolóxico, afectivo, económico, violación dos dereitos, institucional e social.

Condutas, todas elas, que se poden comunicar e denunciar tamén aos corpos de seguridade, servizos sociais ou centros de saúde, entre outros. A responsable de Benestar Social fixo fincapé na importancia de sensibilizar á cidadanía ao respecto, pois “só dende o recoñecemento da existencia desta problemática poderemos avanzar cara a verdadeira meta, que non é outra que o bo trato”.

Olga López referiu, así mesmo, que “precisamente a finalidade da campaña é concienciar, incluíndo a aquelas persoas maiores que hoxe son totalmente autónomas pero que no futuro poidan xerar dependencia, dando a coñecer os seus dereitos para previr estas situacións”.

Para rematar, a edil deu conta de que a concellería difundiu folletos informativos nos distintos centros de convivencia e fixo un chamamento “a vacinarse contra o maltrato nas persoas maiores. Que non é só aquel que se fai, senón tamén as consecuencias da inacción”, afirmou.

A maiores, o Concello de Lugo iluminará a Casa Consistorial e a pasarela Tanxurela, na noite do 15 ao 16 de xuño, de verde, cor do bo trato.