Skip to main content
Lugo

A saúde cardiovascular centra un curso de verán da USC en Lugo

Por 15 Xuño, 2022Xuño 17th, 2022Sin comentarios

A Escola de Enfermería vén de inaugurar esta mañá un Curso de Verán da USC, que se levará a cabo no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, dende hoxe ata o venres. No acto participou o deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, quen aplaudiu o traballo destes profesionais sanitarios durante a pandemia.

O curso, que aportará coñecementos en materia de prevención e control do risco cardiovascular para detectar, previr e controlar os problemas de saúde, celébrase, de novo, de xeito presencial. “Recibilos hoxe aquí ten tamén un punto de ledicia especial polo que supón de recuperación da normalidade nas nosas vidas”, aplaudiu García Pernas.

O responsable da área de Participación Cidadá recordou “a importancia de contar cun sistema público de saúde forte como parte do mellor escudo de protección contra as emerxencias”.

O alumnado analizará o estilo de vida, coñecerá o papel clave do exercicio, a alimentación saudable e os hábitos tóxicos na prevención das enfermidades cardiovasculares, así como o seu desenvolvemento. Tamén porán en práctica técnicas de reanimación cardiopulmonar (RCP).

“Esta actividade formativa é un bo exemplo do compromiso continuado dos profesionais da enfermería por seguir avanzando, por actualizar día a día os coñecementos e estar sempre en disposición de prestarlle aos pacientes a mellor atención posible”, destacou o Deputado.

No acto tamén participaron a Concelleira de Benestar Social do Concello de Lugo, Olga López Racamonde, a Directora da Escola de Enfermería, Pilar Penela; o director do Curso de Verán da USC, José Vidal Pardo, e o codirector do Curso, Carlos González Juanatey.