Skip to main content
Lugo

O Goberno de Lugo tilda de “reclamo populista” o evento de maxia organizado polo PP

Por 21 Xuño, 2022Sin comentarios

Un “reclamo populista” para “instrumentalizar á veciñanza”. Así definiu o voceiro do Goberno muinicipal de Lugo, Miguel Fernández, o acto programado, para mañá, polo Partido Popular.

Un evento que se vén publicitando como unha “inauguración simbólica” que contará cun espectáculo de maxia gratuito a cargo do Mago Rafa. Un feito que o Goberno local denunciou esta mañá como un “novo intento de manipulación por parte do PP”.

Para o Goberno local, “as verdadeiras pretensións” do Partido Popular é convidar á cidadanía a asistir a un espectáculo de maxia “intentando atraer público ao que parece unha actuación lúdica, cando se trata dunha concentración política”.

“Unha vez máis enganan e minten á cidadanía”, resalta Fernández quen basea a súa denuncia na solicitude do permiso, por parte dos populares, para facer este evento.
“Son dous cousas diferentes, unha actividade de rúa tramítase como ocupación da vía pública, iso se queren facela contando coas autorizacións pertinentes e coñecen o procedemento a seguir”, argumenta Fernández. Os populares, pola contra solicitaron “ante a Subdelegación do Goberno a organización dunha concentración política”.

“Demostran que o evento non é máis que un reclamo populista co que pretenden instrumentalizar á veciñanza e utilizala en beneficio propio para sacar unha foto diante dun edificio que entregaron con moitas deficiencias”, critica o voceiro do Goberno local.

Miguel Fernández critica que os populares intenten desgastar a xestión dun Goberno “que o único que procura é que cando o Auditorio abra as súas portas o faga nas mellores condicións de seguridade”.

O EVENTO

Os populares levan meses denunciando a “situación de abandono” na que se atopa esta infraestrutura cultural. E, como colofón ás diferentes accións públicas e reivindicativas, Ramón Carballo, voceiro do PP no Concello de Lugo, convidou aos lucenses, a través dun video, a participar nunha inauguración simbólica “por arte de Maxia” que se desenvolverá mañá, 22 de xuño, ás 20.00 horas nas inmediacións deste inmoble. A partir desa hora os cidadáns que se acheguen ata a esplanada do Auditorio de Magoi desfrutarán dun espectáculo máxico a cargo do Mago Rafa.