Skip to main content
Lugo

1500 solicitudes duplican as prazas dos programas de conciliación de Lugo

Por 22 Xuño, 2022Sin comentarios

As familias lucenses presentaron este ano un total de 1500 solicitudes aos programas municipais de conciliación durante o verán que o Executivo de Lara Méndez organiza a través das áreas de Benestar Social e Muller e Igualdade.

A demanda duplicou, así, a oferta existente que, este ano, xa sen restricións de aforo derivadas da Covid, incrementaron a súa capacidade poñendo a disposición da cidadanía un total de 680 prazas: 480 a través das Aulas Abertas e outras 200 por mes dentro do Aprende Xogando, a razón de 120 na quenda de mañás e outras 80 na de tarde.

Tanto Olga López como Silvia Alonso, ediles de Benestar Social e de Muller, respectivamente, coincidiron en sinalar que “o éxito destas prestacións obedece, por unha parte, a que resultan imprescindibles, e dun xeito moi significativo en épocas como esta, onde é complexo compaxinar as vacacións de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia sen descoidar as necesidades de atención das e dos máis pequenos da casa; e por outra parte a que as condicións tanto de horario como de custo económico fanas accesibles, cumprindo co noso obxectivo de acadar unha maior equidade e xustiza social”, afirmaron as concelleiras.

Logo de que o prazo de presentación de instancias rematara xa para as dúas iniciativas, este xoves darán comezo as actividades no caso do Aprende Xogando e o próximo venres, 1 de xullo, iniciaranse as Aulas Abertas que se desenvolverán nos Centros de Convivencia da capital e tamén na Casa da Música.

Durante as mesmas, as crianzas terán oportunidade de compartir momentos lúdicos e de socialización con outros nenos e nenas da súa idade dunha forma pedagóxica e construtiva, compartindo xogos e vivencias nun espazo seguro e, sempre que se poida, ao aire libre, fomentando ademais a interculturalidade que define á sociedade lucense.

Para máis información, as bases dos dous programas de conciliación poden consultarse na páxina web municipal www.concellodelugo.gal