Skip to main content
Lugo

150 persoas participan nun simulacro de incendios na residencia das Gándaras, en Lugo

Por 27 Xuño, 2022Sin comentarios

Os servizos de Prevención e Emerxencias da Delegación Territorial da Xunta en Lugo levaron a cabo un simulacro de emerxencia na residencia de maiores das Gándaras, no que participaron máis de 150 residentes do centro e que rematou con éxito despois de pouco máis de 20 minutos.

No simulacro interviñeron efectivos de ambos servizos da Xunta, ademais de medios externos, como Bombeiros, Policía Nacional, Policía Local, CIAE 112 e Protección Civil de Lugo.

O suposto incendio declarouse ás 11.00 horas na cociña da planta baixa do centro, polo que no simulacro procedeuse á evacuación completa desta planta, mentres que nas plantas primeira a oitava levouse a cabo unha evacuación horizontal e confinamento seguro.

O simulacro consistiu na implantación do Plan de Autoprotección desta residencia, para actuar en caso de incendio, e rematou cos traballadores e residentes no punto de encontro seguro, na zona dos xardíns no exterior da residencia.

Este é o segundo simulacro de incendio levado a cabo este mes polo Servizo de Prevención, despois do realizado hai unhas semanas na residencia de maiores da Milagrosa.