Skip to main content
A Pastoriza

Entrevista: “O centro de día sería como poñer a guinda do pastel a este mandato”

Por 19 Xuño, 2022Xuño 20th, 2022Sin comentarios

O socialista Primitivo Iglesias é o alcalde da Pastoriza dende hai 15 anos.

Pode facernos un balance deste mandato.

Para min o balance destes tres anos que van de mandato en xeral é positivo pois, a pesar da tremenda crise provocada pola panfemia do COVID-19, os diferentes departamentos municipais seguiron funcionando, aínda que nalgúns casos houbo que reconducir puntualmente algunhas actividades que, por sorte, a día de hoxe, xa volveron á normalidade. Fóra disto, que non foi cousa menor, realizáronse os proxectos previstos de entre os que cabe salientar algún como o aglomerado da estrada que une Bretoña con Riotorto por Luxilde e Espasante de Arriba. Esta obra foi financiada pola Xunta de Galicia, conxuntamente para os dous concellos, por un importe de máis de 160.000 euros.  Hai pouco máis de dous anos púxose en marcha o Centro de Interpretación de Bretoña, que é un espazo onde se expón o pasado histórico da antiga diócese britoniense, os achados do castro de Sáa e unha colección de envases de gasosas e aparellos relacionados con esta industria, que creo que é única en Galicia. Nos últimos meses inaugurouse un parque infantil na praza de Bretoña que foi financiado pola Deputación de Lugo. Evidentemente continuouse cos traballos de reparación e mellora do viario municipal e a construción de obras de servizos como as balsas contra-incendios e para usos gandeiros en Miñotelo, Fitoiro e Vián. No próximo ano acometerase a construción doutra nova balsa na parroquia de Corvelle. Tamén se acometeu a rehabilitación dalgúns edificios públicos e a súa contorna para mellorar a oferta de vivenda pública.

De que proxecto se sente máis orgulloso?

Todos os proxectos, por pequenos que estes sexan, son importantes, sobre todo se axudan a mellorar a condición de vida dos veciños e veciñas. Pero, se teño que escoller un en concreto, diría que é o Centro de Interpretación de Bretoña (CIN), xa que penso que é un fito que marcará un antes e un despois no coñecemento do noso pasado e na proxección cultural e turística do noso concello. A isto hai que engadir as escavacións do Castro de Sáa e a edición dun libro que analiza dende diferentes perspectivas o pasado e presente da Pastoriza e que tivo unha excelente acollida.

Qué quedaría por facer de cara a este ano?

Sempre quedan moitas cousas por facer, pero por desgraza, para a realización dalgúns proxectos que temos previsto hai que contar cunha solvencia económica ós que por si só o concello non pode facer fronte.

“Gustaríame ver realizada a ampliación do polígono e a instalación de pequenos proxectos empresariais”

Se teño que enumerar algúns deles, que están a punto de iniciarse, citarei a construción dun Centro de Estudos do Alto Miño en Fonmiñá. Neste mes de xuño agardo que se inicien e se rematen as obras de acondicionamento da estrada LU-P-4401, dende Muimenta á Pastoriza. Como continuación desta obra está en proceso de licitación a renovación integral da avenida Constantino Cabaneiro, cun traxecto de 1,5Km., que atravesa todo o centro da capitalidade municipal.

Un dos proxectos do que máis se fala as últimas semanas é o centro de día. Que perspectivas hai?

O centro de día é unha obra moi necesaria e moi demandada por todos os veciños e veciñas do noso concello. Non quero ocultar que este proxecto sería algo así como poñer a guinda do pastel a este mandato, xa que a poboación da Pastoriza cada vez está máis envellecida e necesita –necesitamos– medios para atender, coidar, socializar e ter unha vellez digna tratanto de mellorar a calidade de vida daqueles que o precisen ou demanden.  Agora todo depende de que a Xunta de Galicia nos conceda a subvención que temos solicitada, pois pola nosa parte temos os deberes feitos, é dicir, tras a adquisición do solar hai xa anos, presentouse toda a documentación necesaria incluido o anteproxecto. O meu desexo é que antes de rematar este mandato as obras do Centro de Día estean en marcha.

Continúa impulsándose o CIN de Bretoña? Que balance se fai destes dous anos e medio en funcionamento?

Non pode ser máis positivo. Primeiro porque está dando unha proxección turística e cultural á propia vila, ao Concello e, por extensión, a toda a Terra Chá; en segundo lugar, porque é unha maneira moi interesante de fomentar o turismo de proximidade e dinamizar a nosa contorna. Por dar un dato: a día de hoxe temos rexistradas arredor dunhas 2000 visitas.

Tamén hai un gran proxecto na zona de Fonmiñá. Fálenos un pouco do obxectivo que se persegue.

As obras do Centro de Estudos do Alto Miño en Fonmiñá están a punto de iniciarse. As expectativas son que para fin de ano estean rematadas, ou a piques de facelo.  O obxectivo principal do proxecto é darlle un especial impulso ao espazo natural de Fonmiñá, que é, sen dúbida, un dos nosos emblemas paisaxísticos máis relevante, e símbolo da importancia do pai dos ríos galegos, que aquí bota a andar, xa feito un mozo, atravesando Galicia enteira, camiño do océano. Naturalmente é unha obra que nace coa finalidade de dar a coñecer a nosa riqueza hídrica e todo o relativo a flora e fauna que se desenvolve no entorno de Fonmiñá.  Potenciar a faceta turística, a promoción e creación de expectativas de progreso no noso territorio para animar á xente (sobre todo aos máis novos) a coñecer o noso concello e se cadra tamén para vivir nel.

Traballouse no abastecemento de auga ás parroquias. Cales foros estes traballos?

O abastecemento de auga na Pastoriza é complexo e moi custoso, pois estamos a falar dun concello cunha enorme carga gandeira, o que require unha especial atención ó correcto funcionamento do servizo municipal de augas. A parte dalgúns investimentos na ampliación da rede municipal, como o de Paraxes, o máis gravoso son os arranxos de numerosas avarías. A isto hai que engadir o elevado custo das estacións de bombeo, especialmente as do Carrizal e a de Fonmiñá.  Por outro lado, pouco a pouco, vaise mellorando o sistema de xestión e automatización dos 19 depósitos, co fin de que os operarios do servizo de augas, dende o teléfono móbil poidan revisar o nivel de auga e outras incidencias varias.

Culturalmente estanse a recuperar varias celebracións como as feiras, o Lugnasad ou mesmo a da Bola de liscos e as freces. Quere seguir nesa liña?

A idea é que a celebración de todos estes eventos culturais volten á normalidade.

Este ano volveuse  celebrar con notable éxito a Festa da Bola de Liscos e as Freces, as feiras e mercados volveron á normalidade, e o vindeiro 25 de xuño celebrarse o Festival da Chaira en Baltar. O meu desexo é que o Lugnasad volte a celebrarse no seu lugar de sempre, como é o marabilloso Coto da Auruxeira.

Que plan hai para o Castro de Sáa?

Recentemente instaláronse paneis informativos con código QR, que levan toda a información sobre o castro. Por suposto, que no próximo outono, está previsto continuar coa sétima fase de escavación e estudo.

Qué outras necesidades ten o concello a día de hoxe?

Sempre son moitas e os medios para cubrilas chegan a pouco. Algunha destas necesidades xa quedaron enumeradas, sendo para min a prioridade o centro de día así como seguir perseverando na mellora da amplia rede viaria do noso concello, como por exemplo a mellora e aglomerado da estrada provincial, que vai de Reigosa-Hermida-Vián-Campo das Cruces-Paleira ata os límites co concello de Abadín, que actualmente presenta un estado lamentable.

Como definiaría o Concello?

Este concello foi definido como un mar verde. E coido que esa é unha definición moi acertada. A base principal da nosa economía é a gandaría e por iso temos que estar moi atentos a todos os servizos que axuden a facilitar a vida e o traballo dos nosos gandeiros e gandeiras.

E a nivel industrial, cales son os plans?

Gustaríame ver realizados dous obxectivos fundamentalmente: a ampliación do polígono industrial e a instalación de pequenos proxectos que contribúan a dinamizar o noso escaso tecido industrial.

Un desexo para este ano.

O meu desexo para este ano e os que virán é que todos e todas volvamos a unha situación de normalidade, despois da terrible pandemia que acabamos de padecer, e que, a pesar das dificultades, miremos sempre cara adiante con optimismo.