Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta proporá no pleno un sistema de cheques de axuda á conciliación familiar

Por 6 Xuño, 2022Sin comentarios

Vilalba Aberta presentou a que será a súa segunda iniciativa de cara ao Pleno Ordinario deste mes. Unha proposta – lembran – aprobada xa no Ordinario de xullo de 2020, aínda que “completamente esquecida polo goberno do PSOE”, baseada na posta en marcha dun sistema municipal de cheques axuda á conciliación en beneficio das familias traballadoras. 

En palabras da vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández,  trátase dunha medida “ambiciosa á par que realista” que incidiría no necesario impulso á actividade económica do concello (sector do ocio infantil), mais que “nace pensada para axudar ás nais e pais de vila e parroquias, pola vía do apoio á conciliación da vida laboral e familiar, en base a un límite de gasto por cheque/unidade familiar de 150€/mes no caso de un/unha menor; de 300€/mes no caso de dúas/dous; e de 500€/mes no suposto de tres ou máis.

MEMORIA ECONÓMICA E DE TRAMITACIÓN

Presentada por rexistro acompañada dunha memoria económica e de tramitación, a proposta de Vilalba Aberta  fixa coma potenciais beneficiarios ás/aos proxenitores ou titores legais de nenas e nenos menores de 10 anos que acrediten o estrito e lóxico cumprimento dunha serie de requisitos tales como que a/o menor, a nai ou no seu caso o pai solicitante (ou o/a titor/a legal) deberán estar empadroados e ter a súa residencia habitual no Concello de Vilalba (no caso de separación ou divorcio este requisito só será esixible a/ o proxenitor/a que tivese a garda e custodia); que a renda da unidade de convivencia non supere os 1500€ netos mensuais se ten un fillo/a ao seu cargo ou 1800€ netos mensuais con dous ou máis; e, por último, non dispor os proxenitores de bens inmobles, distintos á vivenda habitual, sobre os que se posúa un dereito de propiedade, que, polas súas características, valoración, posibilidade de explotación ou venda, indique a existencia de medios suficientes para atender a necesidade para a que se solicita a axuda.

Por suposto, será requisito obrigatorio que, no contexto dunha parella, os dous membros da unidade familiar acrediten traballar/estar fóra do fogar en horarios coincidentes.

Así mesmo, a proposta de bases vinculada á iniciativa clarifica que se entenderá por conciliación da vida laboral e familiar casos de ampliación da formación (estudos secundarios, universidade, preparación de oposición ou certificados de profesionalidade, cursos de formación ocupacional, exames …); motivos laborais (horario laboral, entrevista de traballo, horas extra, …); urxencias (casos de enfermidade da persoa que se fai cargo das crianzas – coidador/a – e/ou hospitalización dalgún membro da familia); e motivos sociais (familia formada por un só proxenitor/a que cumprindo os criterios económicos, non estea desenvolvendo tarefa profesional algunha e se acredite que está nunha situación psicosocial difícil e se valore necesaria a socialización da/o menor)

Con respecto ao financiamento da iniciativa, Fernández explicou que Vilalba Aberta teorizou en base a dous supostos ben diferenciados, isto é: contemplando tanto a posibilidade de que o Goberno Municipal “axilice a urxente elaboración duns orzamentos para a anualidade 2022”, como a de que, unilateralmente decida “seguir gobernando por decreto cos do PP (2019).”

Neste senso, en ámbolos dous contextos, a viabilidade da iniciativa estaría asegurada xa para a presente anualidade, pois financiaríase con cargo á mobilización de 160.000€ procedentes do remanente de tesourería, con vistas a ter continuidade en base ao volume de solicitudes contrastadas, quedando así, limitada e vinculada nos sucesivos exercicios a un máis axustado importe consignado para esta finalidade, pola vía dunha partida específica nos Orzamentos Xerais da corporación a partires de 2023.

Na mesma liña se pronunciou o seu compañeiro e membro da coordinadora de VA, Carlos Currás, lembrado que “a concesión dos cheques axuda podería poñerse en marcha dun xeito áxil “previa tramitación do correspondente expediente de modificación orzamentaria” no caso de que a “dinámica de parálise do Goberno Municipal persista nos meses previos ao comezo do curso”.

“Haxa ou non haxa orzamentos, a proposta de Vilalba Aberta é asimilable, realista economicamente, áxil en termos de tramitación e, sobre todo, nace asentada en criterios de progresividade” remarcou.

As axudas previstas outorgaríanse ata esgotar o máximo previsto de 160.000€ para a primeira anualidade, sendo o departamento de servizos sociais o encargado da valoración e seguimento do proceso.

Ademais, e resoltas as solicitudes presentadas no prazo establecido da convocatoria e non esgotándose o crédito establecido na mesma, quedaría aberta a posibilidade, previo acordo da Xunta de Goberno Local, de acordar a realización dunha segunda convocatoria destas axudas, ditando, para o efecto, as normas necesarias para a súa execución dentro do exercicio 2023.

Por último e en relación co aspecto xurídico, dende VA lembran que a iniciativa atopa fundamento legal nos artigos 25 de la Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime local e 17 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.