Skip to main content
Burela

Burela entregou 25 novos composteiros no marco do plan de compostaxe doméstica

Por 1 Xullo, 2022Sin comentarios

O Concello de Burela, a través da Concellería de Medio Ambiente e en colaboración con Sogama, entregou 25 novos composteiros no marco do plan de compostaxe doméstica, que persegue o obxectivo de implicar á veciñanza na redución dos residuos xerados para mellorar o coidado do medio.

Foron entregados onte no Concello tras unha charla impartida por persoal técnico de Sogama na que as 25 persoas adxudicatarias dos composteiros, entre as cales hai persoas que están a traballar nos seus hortos urbanos, recibiron a formación necesaria para poder poñer en valor a materia orgánica mediante a súa transformación en compost. Ademais, tamén se lles entregaron manuais didácticos nos que se detalla a operativa a seguir, dando resposta ás dúbidas máis frecuentes.

A Delegación de Medio Ambiente segue a apostar así por iniciativas que conciencien de xeito individual unha problemática que existe a nivel global, explicando neste caso os pormenores da compostaxe doméstica, onde situar o composteiro, que materiais deben e non deben ser depositados no mesmo, como controlar parámetros como a temperatura e a humidade ou como levar a cabo tarefas de supervisión e control.

Ademais, o Concello de Burela a través da Aula Gaia será o responsable de facer o seguimento desta campaña para avaliar a súa acollida e a resposta das persoas que participan no programa de compostaxe doméstica, de xeito que farán visitas para comprobar o compromiso dos adxudicatarios realizándolles un cuestionario e fotografías que reflictan o estado dos materiais entregados.