Skip to main content
Cervo

A nova pista de atletismo homologada de Cervo un pouco máis preto

Por 10 Xullo, 2022Sin comentarios

O Consello da Xunta vén de aprobar o convenio de colaboración entre  a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Cervo, para a renovación das pistas de atletismo das instalacións deportivas da Veiga cun investimento total de 560.000 euros. Neste sentido e a tenor do acordo autorizado, a Secretaría Xeral para o Deporte achegará o 62,5% da totalidade do importe (350.000 euros), mentres que o Concello de Cervo achegará o restante 37,5% (210.000,00 euros). Cómpre salientar que grazas a esta actuación Galicia contará coa primeira pista de atletismo homologada da comarca da Mariña.

As obras contarán con tres vías de actuación que serán as obras de renovación completa da pavimentación da pista con material sintético homologado prefabricado para exteriores,  a mellora da rede de saneamento e a evacuación de augas e a instalación de salto de pértega, carreiras de obstáculos, salto de altura, salto de lonxitude e triplo salto e lanzamento de peso.

As instalacións deportivas da Veiga, ademais das nomeadas pistas, contan cun pavillón polideportivo e destacan pola idoneidade da súa localización xa que non dista máis de 20 minutos da metade da poboación de toda a Mariña, que suma, no seu total 70.000 habitantes.

Nesta nova infraestrutura teñen moito que ver os recentes éxitos do atleta viveirense Adrián Ben, que acadou un diploma olímpico nos 800 metros dos pasados Xogos de Toquio, onde rematou en quinta posición. Ademais, a Xunta de Galicia continua coa súa aposta decidida pola renovación do mapa de infraestruturas de atletismo de Galicia na que destaca a renovación da pista de atletismo da USC (Santiago); a licitación do módulo cuberto de atletismo en Ribeira (A Coruña); o compromiso da nova pista da Estrada (Pontevedra); e a adxudicación do módulo cuberto do IFEVI en Vigo e a participación na renovación das pistas de Balaídos.