Skip to main content
Lugo

A maxia das parroquias: Adai

Por 10 Xullo, 2022Xullo 13th, 2022Sin comentarios

O municipio de Lugo é, sen lugar a dúbidas, sinónimo de patrimonio. Paseando polo concello, máis aló do territorio enmarcado entre o Miño e o Rato, as parroquias rurais gardan máis dun segredo que, en moitas ocasións, non coñecen nin os propios veciños da localidade.

Patrimonio cultural e natural que conflúen en pequenas aldeas e que contan cunha historia digna de lembrar. Este é o caso da parroquia de Santa María Madanela de Adai, conformada por seis núcleos de poboación, Adai, As Cancelas, Ferreiros, Porto Meilán, Vilamaior e Vilar e que está a menos de dez quilómetros do casco histórico de Lugo.

Cun centenar de habitantes en total, as aldeas de Adai están dispostas a xeito de balcón sobre o río Miño, sendo estes seis núcleos os únicos con poboación nesta beira do río. O resto, terra agraria, pradarío e monte.

Precisamente, esas terras que se erguen monte arriba son a forma de vida dalgunha das poucas granxas de gandaría vacún que aínda se manteñen ao carón da cidade.

A nivel cultural, unha das pezas que destaca é a Acea do Rei Chiquito, onde unha presa diagonal atravesa o río Miño, pouco antes da estación depuradora da auga, na estrada vella de Ombreiro.

No lugar de Adai, eríxese a igrexa de Santa María Madanela, construida en 1901, e que agora están a restaurar. De estilo historicista, a igrexa está rodeada dunha contorna envexable debido ao gran patrimonio natural e conta cunha curiosa fonte ao seu carón que, malia estar datada de 1997, chama a atención de expertos por estar conformada por elementos máis antigos.

Pero o prato forte desta parroquia é, sen dúbida, o coñecido como Prado das Cancelas. Subindo monte arriba, a 499 metros de altitude, o paseante pode atoparse co dolmen de Adai. Unha parte da cámara dun túmulo neolítico xa desaparecido.

Desta cámara tan só quedan uns poucos restos e o seu estado de conservación empeora co tempo, pero merece a pena tan só por se un dos poucos exemplos do megalítico na cidade. Malia que, polo momento, non se estudiou a súa procedencia, outros restos achados na zona axudan a situar este túmulo entre o 3200 e o 1800 a.C.

Situados nese prado e subindo polas pistas de terra cara a cima do monte, a poucos metros, podense atopar o santuario rupestre de Pena Fita ou Pedra Fita, probablemente da idade de Bronce, ou os petróglifos das Penas do Castrillón. Estas últimas, formarían parte do poboado de Castrillón, catalogado de época castrexa, malia que os últimos estudos, acordan que podería ser anterior.

Mais se algo chama a atención nesta parroquia é o Altar de Adai. Unha misteriosa rocha de máis de 10 metros de lonxitude e 6 de ancho que se eleva no cumio desta montaña, e que conta con preto de vinte cavidades redondas e ovaladas.

Malia que se descoñece o seu uso, relaciónase cun posible santuario neolítico con 4000 anos de antigüidade que podería estar adicado ao deus Lug.

Ao seu carón, numerosas rochas apiladas e con cavidades, probablemente artificiales, completan este conxunto arqueolóxico que dá boa fe do patrimonio histórico que Adai posúe ao pé do Miño.