Skip to main content
Láncara

A Deputación apoia en Láncara ao emprendemento no rural

Por 13 Xullo, 2022Xullo 18th, 2022Sin comentarios

O deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo Madalena, asistiu onte no Muvicla á inauguración da incubadora de emprendemento Revolta Rural, impulsada polos GDR Montes e Vales Orientais xunto a Terras de Miranda e Seitura de Ferrol.

O encontro tivo lugar no Museo Vivo e Integrado do Campo e a Locomoción Agraria (Muvicla), en Láncara. Esta cita puxo en común ideas e propostas que permiten a emprendedores e emprendedoras impulsar o rural con proxectos xa existentes ou novas iniciativas.

O proxecto Revolta Rural “é un bo exemplo do que sempre dicimos na Deputación de Lugo. Non existe unha Galicia baleira, senón chea de ideas que só precisan o respaldo das institucións para facerse realidade”, asegurou o deputado, quen incidiu en que dende a institución provincial “reivindicamos políticas de servizos públicos, tanto de sanidade como de educación ou benestar, que axuden a fixar poboación no rural, pero tamén apostamos por respaldar iniciativas relacionadas coa cultura e coa promoción do coñecemento. Iniciativas que falan do rural dende o rural, que buscan aportación innovadoras dende o coñecemento real”.

Precisamente iso, lembrou, foi o que fixo a Deputación cando o impulsor do Muvicla, Marcos Vázquez, “nos presentou a súa idea. Un proxecto de coñecemento deseñado por unha persoa do rural, que coñece o día a día dunha explotación en marcha e que pensa que o futuro do agro tamén pasa por poñer en valor o seu pasado”.

No acto tamén participaron o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, e o secretario do GDR – Montes e Vales Orientais e rexedor de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereda.

Revolta rural

A incubadora de emprendemento Revolta Rural é un proxecto impulsado por tres GDR de Galicia co apoio de CaixaBank, que busca a captación de talento rural no que 30 proxectos e 40 emprendedores xa están desenvolvendo o seu itinerario empresarial. Esta iniciativa tamén se está replicando en Huesca e Burgos para a posta en marcha dunha gran comunidade de empresas do rural.