Skip to main content
Abadín

Adxudicadas as obras de mellora da estrada LU-113 ao seu paso por Abadín

Por 27 Xullo, 2022Xullo 28th, 2022Sin comentarios

Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses e iniciaranse en agosto. Rehabilitarase e acondicionarase o firme ao longo de 7,8 km, comezando á altura do enlace coa estrada LU-121 e rematando na conexión coa autovía do Cantábrico.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 2,2 M€ as obras de mellora do firme na estrada autonómica LU-113, ao seu paso polo concello de Abadín.

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Isidro Otero, SL, contan cun prazo de execución de 6 meses. O contrato asinarase nos vindeiros días e prevese que as obras comecen xa en agosto.

O obxecto da intervención é o acondicionamento e rehabilitación de firme ao longo dos últimos 7,8 km do treito da LU-113, de Moncelos a Abadín, que redundarán na mellora das condicións da vía e reforzarán a seguridade viaria.

Máis en detalle, as actuacións realizaranse no tramo da estrada comprendido entre o punto quilométrico 22+800, á altura do enlace coa estrada LU-121, ata o remate da estrada no quilómetro 30+600, na conexión coa autovía do Cantábrico.

Repararanse as zonas do firme que presenten fisuras e os treitos máis deteriorados en zonas puntuais ou con esgotamento estrutural do firme, complementadas con outras intervencións que incrementen a súa capacidade estrutural, co fin de adaptalo ao tráfico que soporta e permitindo acadar unha vida útil axeitada.

Os traballos incluirán un reforzo do firme segundo as necesidades deste tramo da estrada LU-113, superficial ou máis profundo de saneo, dependendo do deterioro, así como o estendido dunha nova capa de rodaxe.

Realizaranse fresados localizados cun espesor de 10 cm e a reposición realizarase de mestura bituminosa co mesmo espesor de 10 cm.

Tamén se executarán saneos localizados nas zonas deformadas e con esgotamento estrutural repoñendo o solo de cemento actual de base con material procedente do fresado.

Ademais, actuarase no recrecido do firme a calzada completa, en todo o ancho da plataforma.

Para a mellora da drenaxe da estrada, executarase unha cuneta de seguridade revestida en formigón, que disporá de tubo “dren” para evitar as filtracións á explanada.

Proxéctanse, ademais, un conxunto de intervencións de mellora da seguridade vía: cunetas, sinalización horizontal, tacos de resalto, captafaros, que teñen por obxecto mellorar as actuais prestacións da estrada en beneficio dos usuarios.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.