Skip to main content
Burela

A aula Gaia de Burela desenvolveu unha campaña sobre a utilización do Punto Limpo

Por 6 Agosto, 2022Sin comentarios

A Aula Gaia do Concello de Burela continúa co  seu programa de actividades vencelladas á Bandeira Azul para concienciar sobre o respecto ao medio ambiente, cunha campaña informativa nesta  ocasión sobre a utilización do Punto Limpo entre os veciños e veciñas. 

Informaron en diferentes puntos da vila sobre o significado e usos dun Punto  Limpo, as cousas que se deben depositar e as que non ou o horario de  funcionamento, entre outras. A campaña informativa perseguiu o obxectivo de  concienciar a todas as persoas sobre o correcto uso destes espazos, así como  previr e evitar que se deixen a pé de contedor obxectos e materiais voluminosos sen avisar previamente á empresa encargada de trasladalos e  depositalos no Punto Limpo. 

Ademais, esta mañá as monitoras de Gaia e as nenas e nenos da Ocioteca de Verán estiveron cos operarios da empresa de limpeza para aprender e  comprobar como recollen os enseres e o tratamento e proceso que fan con eles. 

Tamén realizaron unha ruta polo Sendeiro Azul desde a praia do Ril ata a praia  do Portelo dentro desta mesma campaña de concienciación, que se suma a outras tres actividades xa realizadas este verán dentro do programa Bandeira  Azul no que participa o Concello.  

Obradoiros sobre a importancia de manter as praias limpas e non tirar  cabichas, repartindo cinceiros ecolóxicos, actividades sobre o coñecemento  das plantas do litoral burelés coa creación de cadernos de campo, iniciativas artísticas con materiais naturais como os mosaicos realizados con cunchas,  pedras e paos, e agora esta campaña informativa sobre o Punto Limpo,  contribúen a espallar valores medioambientais imprescindibles para un futuro  sostible no que urxe cambiar dinámicas e previr o avance perigoso da  contaminación e o cambio climático.