Skip to main content
Burela

A Ocioteca de Burela continúa coa súa actividade, Ti si que es un bo peixe

Por 24 Agosto, 2022Sin comentarios

A Ocioteca de Verán continúa coa súa actividade recibindo o programa creado pola Consellería do Mar, Ti si que es un bo peixe, que ten o dobre obxectivo de facilitar o coñecemento e consumo de produtos frescos do mar de Galicia entre as nenas e nenos e tratar de equilibrar as súas dietas alimentarias.

O obradoiro, realizado dun xeito dinámico e práctico, cumpriu co fin de que os pequenos coñeceran as cinco especies de peixe mencionadas nesta sesión, tres mariscos e tamén unha alga, aprendendo como se recollen e consumen, así como as súas características. 

Familiarizáronse deste xeito co mundo da pesca, transporte e preparación do peixe e do marisco, sabendo máis do seu valor nutricional e da importancia de introducilos na súa alimentación. Para iso, propuxeron algunhas receitas con estes produtos frescos, poñendo en valor tamén o papel dos consumidores como colectivo, incluíndo á infancia, á hora de preservar os recursos do mar.

Tamén escoitaron e cantaron unha canción para lembrar todo o explicado, toda a información que incidiu no beneficio que lle aporta ao noso corpo o consumo destes produtos. 

As monitoras trataron de espertar así o interese das e dos participantes da Ocioteca de Verán, finalizando a sesión coa entrega de agasallos do programa.

XOGUETEANDO, UN LECER DIFERENTE

As monitoras da Aula Gaia tamén explicaron que esta iniciativa consistiu en facer conscientes aos máis pequenos e pequenas da importancia da seguridade nos xoguetes a través dun conto e da realización dunha manualidade.

Na primeira parte, a historia narrada axudoulles a comprender a importancia do xogo ao aire libre, que se potencia nos períodos de vacacións polo verán. No inverno, as nenas e nenos van ao colexio, xogan nas súas casas e predomina o xogo tecnolóxico a través das pantallas, mentres que no verán, como moitos pais e nais traballan, é habitual que os pequenos das familias vaian a entornos rurais cos avós, onde é máis frecuente o xogo ao aire libre, como a pelota, a comba, bolos, ou calquera outro sen necesidade de tecnoloxía. 

Na actividade incidiron tamén na importancia de que os xogos foran seguros, e aprenderon aos nenos e nenas a simboloxía que marca a seguridade dos mesmos, así como a idade axeitada para empregalos.

Finalmente, realizaron unha manualidade para crear unha bolboreta composta de cartolina e unha pinza, promovendo a creatividade para enriquecer o xogo, a capacidade de traballar en equipo e as habilidades psicomotrices.