Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo implanta un operativo específico para rematar coa proliferación de malas herbas nas beirarrúas da cidade

Por 11 Agosto, 2022Sin comentarios

O Goberno de Lara Méndez vén de poñer en marcha unha das primeiras actuacións específicas que executará, de forma ordinaria, o novo servizo de limpeza viaria da cidade. A área de Medio Ambiente, que dirixe o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, desenvolverá dende hoxe un operativo permanente co propósito de rematar coa proliferación de malas herbas nas rúas da cidade. Deste xeito, esta mañá dúas brigadas itinerantes, compostas por tres operarios cada unha, comezaron a retirar xa a vexetación espontánea que nace no pavimento e nas calzadas, afeando a contorna urbana.

Segundo explicou a rexedora, “ambos os dous dispositivos partiron das zonas de Albeiros e Rampla de Claudio López, comezando polo parque da Milagrosa, e por San Roque, Rolda da Muralla e zona intramuros para, a continuación, percorrer o resto da capital co obxectivo de mellorar a súa imaxe e conservación”, indicou.

Lara Méndez sinalou que os labores se levarán a cabo con desbrozadoras e sopladoras eléctricas “máis sostibles ambiental e acusticamente, o que se traducirá tamén en menores molestias para a cidadanía e nun incremento da habitabilidade que ofrece o municipio”.

Parámetros que a alcaldesa asociou á premisa que reflicte o propio lema da nova adxudicataria do servizo, ‘LuceLugo’ e cos que “pretendemos situar á cidade como un referente de limpeza, sempre nun contexto sustentable e dentro do modelo de cidade cuxa transformación iniciamos xa durante o pasado mandato”, apuntou.

A nova prestación, que arrincaba o pasado 1 de agosto, suporá, nese sentido, a renovación de toda a maquinaria e da flota de vehículos, que disporán de innovadores sistemas de aforro de combustible e de redución do impacto sonoro, diminuíndo tamén as emisións de gases de efecto invernadoiro e a pegada de carbono que deixa o seu uso.

Pola súa banda, o concelleiro responsable de área, Miguel Fernández, lembrou que a implantación de Ecolugo se realizará de maneira progresiva durante os vindeiros meses, nos que tamén se agarda un incremento do cadro de persoal e do número de colectores (ata chegar aos 4.031) que se porán a disposición da veciñanza, aumentando a capacidade da recollida, a diversificación das fraccións e, por tanto, a separación en orixe para fomentar a reciclaxe.

O edil de Medio Ambiente anunciou, así mesmo, que a finalidade é levar a cabo o mellor aseo posible dos espazos públicos para o que, de maneira sucesiva, iremos implantando outras accións ou campañas intensivas dedicadas a aspectos concretos como pode ser á eliminación de manchas persistentes no pavimento, á retirada de follas do arboredo, dos residuos voluminosos ou das pintadas e que se sucederán de xeito simultáneo á atención das necesidades concretas dos barrios segundo a súa densidade residencial, industrial, comercial, hostaleira, etc”, concluíu Miguel Fernández.