Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

367 puntos do Camiño na provincia participan na campaña para protexer ás peregrinas

Por 2 Agosto, 2022Sin comentarios

A campaña chega a albergues, oficinas de turismo, farmacias, instalacións sanitarias, postos da Garda Civil, comisarías da Policía Nacional e dependencias das policías locais nos 31 concellos dos Camiños Francés, Primitivo, do Norte e de Inverno que atravesan a provincia.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou que 367 puntos do Camiño de Santiago na provincia colaboran na protección das peregrinas a través da campaña #NoCaminasSola: Camino de Santiago libre de violencias machistas. Trátase dunha iniciativa que poñen en marcha, por segundo ano consecutivo, as unidades contra a Violencia de Xénero das Delegacións do Goberno nas comunidades autónomas polas que pasa o Camiño de Santiago para reforzar a seguridade das mulleres que peregrinan a Compostela.

Isabel Rodríguez presentou a campaña na provincia nun acto que tivo lugar no albergue Santiago 15 de Monforte de Lemos. Xunto coa subdelegada participaron na presentación a tenente de alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada; o presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia, Alejandro Sánchez; a xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno, María Luisa Castro; o comisario xefe de Operacións da Comisaría provincial da Policía Nacional, Luis Miguel Romera; o tenente da Garda Civil Francisco Javier González, e o delegado da Cruz Vermella en Sarria, Jaime Capella, entre outros.

A subdelegada destacou que “o Goberno volve poñer en marcha esta campaña dentro das políticas de igualdade e contra a violencia de xénero e como apoio á seguridade das mulleres que fan o Camiño”.

Rodríguez lembrou que “no que levamos de ano foron asasinadas 26 mulleres en España e 1.156 desde que hai rexistros (1 de xaneiro de 2003), o que demostra que a violencia de xénero é un problema social da máxima gravidade sobre o que non caben frivolidades”.

Explicou tamén que “os datos apuntan a un aumento significativo das mulleres no Camiño; por iso, é moi oportuna unha campaña dirixida a para dar a coñecer ás peregrinas todos os recursos e ferramentas que poñemos ao seu dispor para a prevención e atención ante calquera tipo de violencia”.

Rodríguez agradeceu o valioso apoio do Colexio de Farmacéuticos, albergues, oficinas de turismo, centros de saúde e das distintas forzas de seguridade que colaboran nesta campaña coa que se está a reforzar o traballo que desenvolven tanto a Garda Civil como a Policía Nacional na loita contra a violencia de xénero e para garantir a seguridade no Camiño de Santiago.

SETE MIL TARXETAS E CARTEIS

A campaña ten por obxecto informar ás peregrinas de todos os recursos que están á súa disposición para que poidan empregalos no caso de sufrir algún tipo de violencia. Para iso obxectivo elaborouse un material específico, en español e inglés, para distribuír nos principais puntos de referencia para as peregrinas dos 31 concellos polos que pasan os Camiños Francés, Primitivo, do Norte e de Inverno. Na provincia de Lugo distribúense 371 carteis e 6.678 tarxetas en 145 albergues públicos e privados, 117 oficinas de farmacia, 22 postos da Garda Civil, 2 comisarías da Policía Nacional e 11 comisarías das policías locais, así como en 51 centros de saúde e dependencias da Cruz Vermella e en 19 oficinas de Turismo.

No concello de Monforte de Lemos son 17 os puntos de información dos recursos existentes para previr a violencia contra as peregrinas.

O material que distribúe nesta campaña a Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno inclúe información de emerxencias e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como da aplicación AlertCops, para comunicar en tempo real calquera alerta con envío de localización. Un código QR as enlazará con unha web de recursos do Executivo para atender calquera necesidade a través da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, do Ministerio de Igualdade.

DATOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Na provincia de Lugo, a día de hoxe, son 598 os casos activos no sistema Viogen, dos que 8 están valorados como de risco alto, 74 medio, 273 baixo e 243 non apreciado. Ademais, 28 mulleres son usuarias de Atenpro, o servizo telefónico de atención e protección das vítimas de violencia de xénero, 26 son usuarias do dispositivo Cometa de control telemático e 511 vítimas contan con orde de protección.

No concello de Monforte, o número de casos rexistrados en Viogen é de 49. Son 4 de risco medio, 32 baixo e 13 non apreciado. O número de usuarias de Atenpro é de 7, hai 2 usuarias do dispositivo Cometa e 47 vítimas contan con orde de protección.