Skip to main content
O Incio

O Incio recupera esta fin de semana as Festas da Cervela coas súas danzas tradicionais

Por 26 Agosto, 2022Sin comentarios

A parroquia de San Cristovo de Cervela, no municipio lucense do Incio, celebra esta fin de semana as súas esperadas festas cunha combinación de danza, misa e procesión da virxe.

Os veciños recuperan unha das festas con máis tradición do concello e de toda Galicia, que leva varios anos sen celebrarse por mor da pandemia da covid-19.

Este ano, a partir do sábado 27 e ata o luns día 29, os asistentes poderán desfrutar do mellor ambiente en A Cervela.

O sábado 27 haberá pancetada, queimada e verbena co dúo Pedriñas. O domingo 28 ás 13.30 horas misa maior e procesión coas particulares danzas tradicionais, actuará un grupo rexional e haberá sesión vermú coa orquestra Pontevedra, que tamén actuará pola noite xunto ao solista José Manuel.

E por último o luns día 29, haberá de novo ás 13.30 horas misa maior e procesión con danzas tradicionais e a posterior actuación do grupo rexional.

Xa pola noite, será a quenda da orquestra Trébol para amenizar a festa.

DANZAS TRADICIONAIS

As danzas tradicionais que se realizan nas festas parroquias de A Cervela, corren sempre a cargo de catro veciños da zona que vestidos con traxes repletos de cor, sombreiros e arcos adornados con tiras e flores, bailan ante a imaxe da santa portada por catro veciñas ataviadas co traxe tradicional.

Un grupo de gaiteiros ameniza esta danza con séculos de tradición, que é seguida por centos de veciños da parroquia e arredores.

Isto non só lle da á celebración unha especial visibilidade, senón tamén un gran valor etnográfico.