Skip to main content
BurelaMar AMARIÑAXA

As traballadoras do Consorcio Galego piden en Burela melloras da súa situación laboral

Por 15 Setembro, 2022Sin comentarios

As traballadoras piden que se teñan en conta os anos de traballo á hora de facer a estabilización de postos que require a lei.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, recibiu a un grupo de traballadoras do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependente da Xunta de Galicia, en folga desde o 5 de setembro para reclamar un proceso de estabilización dos postos de traballo “máis xusto”.

Así llo trasladaron ao alcalde, subliñando que existe o risco de perder os postos de traballo (1.500 en total), dos cales o 90% son contratos temporais e asumidos por mulleres en escolas infantís, oficinas de inclusión, centros de día, etc. 

“As traballadoras afirman que non se tería en conta a súa experiencia laboral á hora de estabilizar os postos, que nalgúns casos é de 15 anos desempeñando o seu traballo,  unha situación que sorprende e ante a cal eu falarei persoalmente co xerente do consorcio”, afirmou Llano. 

A folga iniciada neste mes de setembro prolongarase ata decembro (en períodos de 15 días) motivada polo desacordo na aplicación da norma e no procedemento establecido, que segundo afirman, “prexudícanos porque non están a ter en conta as circunstancias do consorcio como ente diferenciado da Xunta”, pedindo que “se equipare con entes xuridicamente iguais e que se nos escoite”.

O rexedor mantivo este encontro para escoitar as peticións respecto da súa situación laboral, interesándose pola información trasladada e comprometéndose a falar co xerente para buscar unha solución consensuada e tendo en conta a situación destas persoas.