Skip to main content
Burela

A Deputación enxalza a importancia do sector pesqueiro na clausura de Burela In

Por 28 Setembro, 2022Sin comentarios

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participou en Burela no acto de clausura do proxecto Burela In, que acolleu a Casa da Cultura. Unha iniciativa que impulsou o Concello para promover a economía circular mediante a colaboración de entidades de inclusión social, o sector pesqueiro e a Administración local durante dous anos. 

García Pernas felicitou “ao Concello de Burela, co seu Alcalde á cabeza, e a todas as entidades e persoas que fixeron posible o proxecto Burela IN, pola súa capacidade para deseñar e para desenvolver con éxito unha medida coma esta. Penso que a aposta pola innovación e pola inclusión que definen o proxecto son tamén os sinais de identidade do bo traballo de xestión que se está desenvolvendo neste concello”, afirmou.

Nas súas palabras fixo fincapé en que o balance positivo dos resultados de Burela In cadren “coas malas noticias que estamos a recibir estes días pola decisión da Comisión Europea de pechar a pesca de fondo en 87 áreas, unha decisión rotundamente equivocada que afecta gravemente a esta comarca da Mariña e a toda Galicia”. Nese sentido, amosou o seu desacordo ante unha medida que cualificou como “errónea, que se toma sen base científica e sen ter en conta nin as necesidades medioambientais reais, nin o impacto socioeconómico”.

“É unha pena que os responsables de política pesqueira da Unión Europea non estean hoxe aquí, porque Burela, e este proxecto Burela IN, son un exemplo do que hoxe representa o sector pesqueiro lucense e galego”, manifestou. “Estamos falando dun sector económico fundamental, que xera riqueza e emprego nunha comarca que sofre o impacto da desindustrialización, pero tamén estamos falando dun modo de vida ligado ás nosas raíces, ás nosas tradicións e á nosa cultura”.

APOIO AO SECTOR PESQUEIRO

O Deputado recalcou que o proxecto Burela IN demostra “que a pesca é unha actividade sostible, responsable e preocupada polo benestar medioambiental, e que a combinación de pesca e turismo xera valor engadido”. 

Por iso, explicou que, “ante as decisións que toman os que miran o mar dende o afastamento dos despachos, é moi importante seguir traballando nesta liña e reivindicar todo o que fai a xente do mar aquí, a pé de costa”. “Por suposto, dende a Deputación de Lugo seguiremos apostando polo noso sector pesqueiro e seguiremos colaborando cos concellos en iniciativas como este Burela IN. Ademais, como xa fixemos no Pleno da Corporación provincial que celebramos esta mesma mañá, reclamámoslle ao Goberno que esgote todas as vías legais para reverter canto antes unha normativa europea que consideramos inxusta, e esperamos o mesmo compromiso por parte de todas as administracións”.

XORNADA FINAL

Nesta xornada final do proxecto Burela IN, as entidades participantes explicaron as accións postas en marcha nunha mesa redonda e proxectouse un vídeo-resumo. Para rematar, realizouse unha visita á exposición coordinada polo colectivo A Mariña Sen Plástico, e tamén á obra dos artistas locais Belén Mogo e Martín Lestao, situada na contorna do porto de Burela, dúas obras integradas en Burela IN.

Nestes dous anos realizáronse obradoiros, concursos, xornadas de pintura, e apostouse pola rehabilitación do muro da antiga conserveira e a creación dun mural. Tamén se promoveu unha mostra itinerante coordinada por A Mariña Sen Plástico. As entidades participantes foron Fundación Eu Son, Asociación Saúde Mental A Mariña, GALP A Mariña- Ortegal, Afan, A Mariña Sen Plástico, as Redeiras Cabo Burela, Neira Brochs, a Confraría de Pescadores, Fundación Expomar, e Asociación Tá en Artes, entre outras.