Skip to main content
Cervo

O Concello de Cervo acondiciona as antigas carboeiras do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos

Por 29 Setembro, 2022Sin comentarios

Con esta actuación o que se pretende é dotar de versatilidade este espazo situado nun lugar privilexiado como é o Conxunto Histórico Artístico.

O Concello de Cervo acondiciona o edificio das Antigas Carboeiras do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos para dotalo dunha maior versatilidade.

O rexedor, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Dolores García Caramés, o responsable de Deportes e a delegada de Medio Ambiente, David Rodríguez e Mali Méndez, respectivamente, estiveron supervisando a actuación que se está a levar a cabo estes días no complexo, e que supón un investimento que supera os 126.000 euros, subvencionados ao 90% pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e por Terras de Miranda.

Tal e como explicou Villares, “o obxectivo que perseguimos con esta obra é mellorar este espazo que pola súa situación en pleno Conxunto Histórico Artístico, e logo desta actuación, será unha infraestrutura que ofrecerá un sen fin de posibilidades, polas súas características”.

O proxecto contempla –engadiu- o saneamento interior e exterior dos muros perimetrais da edificación, o saneamento interior das fachadas, a reparación da cuberta e a colocación de canlóns. O interior acondicionarase pensando no aproveitamento óptimo das instalacións para conseguir un espazo adecuado para múltiples fins.

O rexedor puxo en valor esta nova obra “que vén complementar a actuación integral que se levou a cabo nos diferentes edificios do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, como foi a restauración da antiga Nave de Función e das Antigas Cabalerizas, hoxe convertidas nun centro de emprendemento cuxa ocupación está ao 100%”.

Somos conscientes -precisou- que Sargadelos é un enclave fundamental no noso municipio, cuxo nome transcende fronteiras, por iso, constantemente, estamos a investir diñeiro público para a súa posta en valor.