Skip to main content
Becerreá

Becerreá acolle dous talleres de formación sobre reproducción no gando vacún

Por 13 Setembro, 2022Sin comentarios

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar este mes en Becerreá senllos cursos sobre as diferentes técnicas de reprodución no gando vacún. Os obradoiros impartiranse cun horario de mañá desde as 8,45 ata as 14,00 horas do 19 ao 22 de setembro e do 26 ao 29 do mesmo mes.

O programa destes cursos aborda unha serie de nocións sobre a reprodución de touros e vacas, así como técnicas de indución ao celo e inseminación artificial, que serán aplicadas na parte práctica da acción formativa. Ambos cursos finalizarán cunha visita o último día á sede de Xenética Fontao, en Lugo.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende neste caso dar a coñecer as partes, funcionamento e fisioloxía do aparello reprodutor do gando vacún. Os cursos tamén buscan que os alumnos saiban elixir as futuras reprodutoras e sementais en función do gando, e coñecer e saber realizar as diferentes técnicas de indución ao celo einseminación artificial bovina.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 367, ou enviarse un correo a cfea.becerrea@xunta.gal.