Skip to main content
Lugo

O Concello saca unha nova enquisa para participar na Axenda Urbana 2030

Por 4 Setembro, 2022Setembro 6th, 2022Sin comentarios

O Goberno de Lara Méndez continúa a dar pasos no deseño do Plan de Acción da Axenda Urbana 2030. O obxectivo da rexedora é implicar a todos os e as lucenses na elaboración deste documento estratéxico, que marcará as actuacións e liñas a seguir para acadar un municipio máis integrador, resiliente e confortable. Deste xeito, a alcaldesa anunciou a posta en marcha dunha nova enquisa na web municipal, coa que o executivo busca promover a participación cidadá neste proceso.

“En paralelo ao deseño do Plan de Acción puxemos en marcha varios procesos de participación como os encontros xuvenís, nos que ademais de coñecer as ideas e propostas dos mozos e mozas de Lugo para o futuro da cidade, tamén se xestou o grupo impulsor do novo Consello da Mocidade; ou as xornadas con técnicos municipais, a través das que se está a formar ao persoal do Concello”, explicou Méndez.

Precisamente tivo lugar unha nova reunión con funcionarios da administración local na que participou a rexedora. Lara Méndez avanzoulles a apertura dunha nova enquisa, coa que os e as lucenses poderán facer as súas achegas en liña. “A través desta ferramenta abrimos a participación ao conxunto da cidadanía, de modo que convido a todos os veciños e veciñas a respostar ás preguntas que se formulan para aportar a súa visión e ideas”, explicou.

A enquisa estará dispoñible ata o vindeiro día 7, a través do seguinte enlace: https://forms.gle/hU9XtnRKdofbF2mU7. “Trátase dunha primeira fase, un punto de partida para seguir avanzando na planificación da cidade”, subliñou a alcaldesa quen apuntou que “o plan de acción é un elemento vivo, polo que máis adiante volverán a formularse novas preguntas e habilitaranse novas enquisas na web para que os lucenses poidan seguir participando de forma continuada na elaboración do documento e tamén se celebrarán novos encontros co persoal municipal”.

Lugo Cidade Verde

Os e as lucenses poderán facer achegas en liña á Axenda Urbana 2030 para deseñar a estratexia de cidade e elaborar o documento que servirá de guía para o desenvolvemento do Plan de Acción da Axenda Urbana, baixo o paraugas Lugo Cidade Verde, como unha folla de ruta que marcará a estratexia e as accións a levar a cabo ata o 2030, e engarza programas e proxectos relacionados co deseño e planificación estratéxica do municipio para facer un espazo máis acolledor, saudable e concienciado.