Skip to main content
Lugo

A Administración local presentou O Plan da Acción da Axenda Urbana no que aposta polas persoas como eixe das políticas municipais

Por 13 Setembro, 2022Setembro 14th, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo dispón xa do Plan de Acción da Axenda Urbana. Unha ferramenta crucial que reforzará a capacidade do municipio para optar aos fondos europeos e que, en consonancia coas obxectivos fixados polas Axendas Europea e Española, permitirá á cidade afrontar os desafíos medioambientais, socioeconómicos e demográficos da vindeira década.

As liñas estratéxicas do documento foron dadas a coñecer pola tenenta de alcaldesa, Ana González Abelleira, que acudiu en representación da rexedora – que non puido acudir – para expoñer a folla de ruta coa que o Executivo de Lara Méndez ten por obxectivo mellorar a calidade de vida da veciñanza.

A responsable da área de Cohesión Social quixo destacar, primeiramente, a transversalidade de todas as actuacións propostas, engarzadas en dous piares fundamentais da acción política do Goberno de Lara Méndez: a perspectiva de xénero e a sostibilidade.

“Dúas constantes que nos acompañarán para encarar os retos que se aveciñan e que pasan, entre outros aspectos, por revisar os planeamentos municipais pero tamén por protexer e preservar a biodiversidade e poñer en valor os elementos que conforman a nosa infraestrutura verde e azul con, entre outras medidas, o peche do cinto verde natural exterior ou a creación dunha rede de corredores naturais nos diferentes barrios da capital”, avanzou a concelleira.

Ana Abelleira defendeu, igualmente, a necesidade de seguir avanzando nunha mobilidade neutra en carbono gañando espazos para os peóns, transformando o transporte urbano para dar resposta ás necesidades actuais e apostando pola dixitalización e adescarbonización.

“Cómpre incidir na rehabilitación de edificios públicos e vivendas privadas, pero tamén na rexeneración dos espazos comúns, reforzando os servizos de benestar para os colectivos máis vulnerables, fomentando a interculturalidade se temos en conta, alén, que 10% da nosa poboación é inmigrante”, afirmou.

A tenenta de alcaldesa debullou, así mesmo, que o Executivo de Lara Méndez pretende desenvolver unha estratexia de turismo sostible baixo parámetros de protección e conservación do patrimonio, a natureza e a gastronomía.

“E darémoslle un impulso á dinamización do comercio e á reindustrialización da cidade, fomentando proxectos enerxéticos e coa vista posta no asentamento de poboación no rural”, sostivo.

“As emerxencias vividas como a pandemia e mesmo a propia seca que nos afecta, están a evidenciar de maneira máis clara que as áreas urbanas deben cambiar os seus deseños, poñendo ás persoas no centro das políticas públicas para incrementar a súa confortabilidade e os niveis de equidade e inclusión, dunha maneira proactiva contra o cambio climático”, engadiu a concelleira.

Durante o acto, González Abelleira estivo acompañada polo Director do Equipo Redactor – NTT DATA, Emilio Díaz Fernández, que fixo un relatorio sobre a implantación da Axenda Urbana Expañolae que explicou cal foi o proceso de creación que seguiu o plan lucense, un dos poucos de todo o país que foi escollido polo Executivo Central para recibir financiamento ao respecto.

Pola súa parte, Alberte González Rodríguez, arquitecto Urbanista en GAU Arquitectura, abordou cal é o enfoque que recolle o documento sobre a ordenación en materia de Urbanismo, Territorio e Vivenda. Unha exposición na que aproveitou para poñer a Lugo como exemplo, con esta Axenda Urbana, dunha cidade que se constrúe pensando nos seus habitantes; mentres que o titular da área de Xuventude e Deporte, Mauricio Repetto, deu conta do proceso de participación cidadá no marco deste proxecto e da creación do futuro ‘Consello da Mocidade’ a través dun ‘Grupo Impulsor’ xa constituído.

Segundo sinalou o propio o edil, “este Plan que hoxe presentamos, será unha guía estratéxica da cidade que contén os proxectos que xa están en marcha pero tamén os que se activarán tendo en conta un proceso de escoita permanente da cidadanía, que xa comezou e que se manterá como un proceso vivo e aberto do que queremos nutrirnos para que o Lugo do futuro sexa o Lugo de todos e todas”, concluíu o edil.