Skip to main content
Lugo

Comeza a remodelación do parque infantil de Montirón

Por 21 Setembro, 2022Sin comentarios

Comeza a remodelación integral da área infantil de Montirón, situada na Praza de San Xoán. O Concello segue avanzando, así, na renovación e mellora dos parques da cidade, atendendo ás demandas das persoas residentes nos diferentes barrios da capital e que, neste caso, instaban ao acondicionamento do recinto debido a que o aumento de vivendas e de usuarios das dotacións da contorna redundou tamén no seu desgaste.

A actuación – segundo indicou a alcaldesa – “permitirá mellorar considerablemente toda a configuración do recinto, incrementando o seu atractivo e capacidade integradora xa que disporá de elementos novidosos e accesibles para crianzas con diversidade funcional”.

Pola súa banda, o responsable de Medio Ambiente deu conta, alén, de que os labores previstos, que suporán un investimento municipal de 46.400 euros, inclúen a reparación e adaptación dos xogos existentes, mediante o seu lixado, pintado, barnizado e a reposición de pezas deterioradas; a renovación completa do solo da área de xogos (252m²) na que se instalará pavimento de caucho en diversas cores, así como a substitución do valado de madeira existente, o que mellorará substancialmente, en conxunto, a súa confortabilidade.

“Instalaranse, ademais, dous novos elementos: un multixogo con torre e tellado – no que as crianzas gozarán de tobogán, rede de escalada, paneis lúdicos e mostradores, balcón e escaleira – e un columpio accesible”, explicou Miguel Fernández.

A intervención, que terá un prazo de execución aproximado de dous meses, segue a outras executadas este mesmo ano polo Goberno de Lara Méndez, como as acometidas nas áreas da Avenida das Américas, San Roque ou Río Mandeo, e precederá a outras similares proxectadas na Fonte dos Ranchos, o Castiñeiro ou o Campo Castelo.