Skip to main content
Lugo

Abre o prazo para as actividades de educación ambiental en Terras do Miño e Os Ancares

Por 29 Setembro, 2022Setembro 30th, 2022Sin comentarios

A Deputación de Lugo organiza un novo programa de actividades gratuítas para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental nas reservas da biosfera de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola institución provincial.

A programación inclúe 13 propostas para todos os públicos, que se desenvolverán no último trimestre do ano, dende o 10 de outubro ata o 30 de decembro. O prazo de inscrición ábrese este xoves e as actividades teñen o aforo limitado, polo que as persoas interesadas deberán anotarse a través das diferentes canles da institución provincial.

Para as iniciativas que se desenvolvan na Reserva dos Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá estarán dispoñibles os números de teléfono 982.227.812 e 982.227.813 e para as que teñan lugar na Reserva da Biosfera de Terras do Miño estará  habilitado o número 982.305.930 e nesta páxina web.

A primeira proposta na Reserva de Terras do Miño será Tecnoloxía polo Medio Ambiente, unha actividade para adultos que se desenvolverá no Centro de Interpretación deste espazo protexido, en Lugo, entre o 17 e o 21 de outubro, en horario de mañá: de 10.00 a 14.00 e haberá 12 prazas dispoñibles.

Do día 24 ao 29 de outubro están programadas unhas xornadas micolóxicas, unha actividade para adultos que se desenvolverá en horario de tarde, dende ás 19.30 ata ás 21.30, os días 24, 25, 26, 27 e 28, e de 10.00 a 13.30 o día 29. Conta con 100 prazas. As xornadas celebrarase no Salón de Actos da Deputación de Lugo e nos bosques próximos ao Centro de Interpretación.

Xa no mes de novembro, do día 7 ao 11, haberá outra actividade no Centro de Interpretación Terras do Miño pensada tamén para os adultos: O horto: unha experiencia diferente. Son 30 prazas e poderase desfrutar en horario de mañá, de 10.00 a 14.00. Entre o 14 e o 18 de novembro, os adultos poderán aprender de fotografía coa iniciativa Creación de imaxes na Natureza que se celebrará no Centro de Interpretación Terras do Miño de 10.00 a 14.00 horas da mañá. Haberá 10 prazas dispoñibles para as persoas interesadas.

O Centro de Interpretación tamén será o escenario para o obradoiro Decoración de Nadal sostible. Unha actividade pensada para os adultos que se desenvolverá en dúas quendas, a primeira, do 21 ao 23 de novembro, e a segunda, entre o 24 e o 28. Ambas serán en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e haberá 12 prazas.

Crea o teu propio horto de autoconsumo é o título da primeira actividade de decembro, entre os días 12 e 16 no Centro de Interpretación Terras do Miño. Estará destinada aos adultos e terá lugar en horario de mañá, entre as 10.00 e as 13.00 horas. Os máis pequenos poderán participar no obradoiro Fotografía no Nadal, que terá lugar entre o 26 e o 30 de decembro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, no Centro de Interpretación Terras do Miño.

As propostas nos Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá serán as seguintes. Cervantes acollerá a primeira actividade da Montaña. O 10 de outubro haberá un Obradoiro de cestaría destinado aos adultos. Terá lugar na Casa Catoira de San Román en horario de 10.00 a 14.00  e haberá dispoñibles 10 prazas. O alumnado do CPI de Cervantes poderá desfrutar o 4 de novembro dun Curso de Micoloxía entre as 10.00 e as 14.00 horas.

O concello de Navia de Suarna acollerá o vindeiro 15 de outubro outro Curso de Micoloxía destinado a familias e adultos. Celebrarase na Escola de Barcia e terá lugar en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 e haberá dispoñibles 25 prazas. Entre os días 8 e 13 de novembro, tamén na Escola de Barcia, terá lugar un Curso de poda, unha iniciativa pensada para as familias e para a que haberá outras 15 prazas. Becerreá acollerá unha Saída Micolóxica o 16 de outubro. Unha iniciativa pensada para as familias e os adultos que terá lugar no Centro Social en horario de 10.00 a 14.00. O 28, 29 e 30 de decembro, as nenas e nenos de entre 3 e 12 anos poderán apuntarse ao Campamento de Nadal, unha actividade para a que haberá 25 prazas e que se desenvolverá no Centro Social de Becerreá entre as 10.00 e as 14.00 horas.