Skip to main content
Burela

Continúa coa Asociación Esperanza a promoción do tecido asociativo se Burela

Por 18 Outubro, 2022Sin comentarios

A asociación contra o cancro de Burela recibiu a segunda das visitas coincidindo cunha data clave para a sensibilización.

O Concello de Burela continúa a través da súa Delegación de Servizos Sociais a promoción do tecido asociativo coa gravación de pequenos vídeos que se irán difundindo nas súas canles oficiais.

Nesta ocasión, e coincidindo coa semana na que se conmemora o Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama, a visita realizouse á Asociación Esperanza contra o Cancro de Burela. 

Desde a entidade explicaron as súas orixes e o motivo fundamental que os levou a asociarse, co fin de dar apoio ás persoas afectadas polo cancro, aglutinando a este colectivo, dando soporte ás familias e sensibilizando ao redor desta enfermidade oncolóxica.

A entrevista en forma de vídeo será publicada nos próximos días, e poderase escoitar a través das voces das persoas que levan a asociación todo o traballo realizado, como por exemplo a recente xornada escolar de sensibilización e prevención, así como o destino final dos fondos recadados mediante diversas iniciativas ao longo destes 15 anos de actividade. 

19 de outubro

Tanto a Asociación Esperanza como a AECC realizarán distintas accións este 19 de outubro, Día Internacional de Loita contra o Cancro de Mama. Así mesmo, o Concello de Burela iluminará a fachada de rosa como todos os anos.

Pola súa banda, a Asociación Esperanza colocará no día de mañá unhas mesas para recadar fondos co fin de destinalos á loita contra o cancro, o obxectivo fundamental do colectivo. As mesas estarán situadas na Praza do Concello e no Hospital da Mariña, nun lugar visible para que todas as persoas que así o desexen podan aportar fondos para axudar á investigación e a detección, tratamento e curación do cancro.

Tamén a Asociación Española Contra o Cancro realizará unha campaña co obxectivo de avanzar na investigación e apoiar e mellorar a vida de todas as pacientes, habilitando unha mesa tamén no Hospital. Deseñaron camisetas para recadar fondos e convidan á cidadanía a sumarse á súa campaña a través do hashtag #ElRosaEsMásQueUnColor, co fin de que a cor volva identificarse co que realmente importa: as persoas con cancro de mama, as súas necesidades, vivencias e supervivencia. Nesta liña retomarán este novembro uns cursos de ioga terapéutico para as pacientes.

O Concello de Burela quixo dar visibilidade “a todas as iniciativas que se fan para acompañar ás familias que pasan por estes procesos tan duros, a todas as accións que realizan para dar a coñecer a enfermidade e a todos os fondos que conseguen recadar para a investigación”, amosando o apoio da institución local “na medida das nosas posibilidades, coa cesión de espazos para que desenvolvan as súas actividades ou manteñan as reunións para o seu funcionamento diario”.