Skip to main content
Axenda CaducadaLugo

O Día do Veciño terá lugar a próxima semana co apoio da Deputación

Por 13 Outubro, 2022Outubro 23rd, 2022Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves no xardín interior do Pazo de San Marcos a Festa do Día do Veciño, que a vindeira fin de semana, o domingo 23 de outubro, reunirá a unhas 4.400 persoas no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. A institución provincial colabora con esta cita cunha achega de 18.000€ para, entre outros fins, distribuír entre os asistentes produtos de proximidade.

“O Día do Veciño ten un sentido especial porque se trata dunha festa que busca poñer o acento no que nos une a todos e todas, nun sentido de veciñanza compartido”, sinalou o mandatario provincial. Destacou que “por riba do noso lugar de nacemento ou de residencia, todos compartimos unha mesma sensación de pertenza. Todos somos lucenses. Todos desexamos o mellor para a provincia”. 

Tomé Roca explicou que dende a Deputación de Lugo trabállase no apoio á veciñanza e na loita polo rural xa que “é unha provincia de marcado carácter rural. Reivindicamos servizos públicos universais, de calidade e gratuítos no rural” e reclamou unha maior inversión porque “non pode ser que os maiores do rural teñan que facer máis de 100km para poñer unha vacina. Non pode ser que o 80% da poboación teña deficiencias na atención primaria ou nos servizos de pediatría. Non hai futuro no rural se non se loita contra os lumes”.

O Presidente estivo acompañado no acto pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o delegado territorial da Xunta, Javier Arias; o presidente da Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez; e o Secretario Xeral da Subdelegación do Goberno en Lugo, Víctor Fraga, entre outras autoridades.

Pola súa banda, o presidente da Federación de Asociacións de Veciños aproveitou para destacar que este ano o Día do Veciño contará coa presenza dun gran número de entidades provinciais e destacou que “a provincia de Lugo conta con tantas asociacións de veciños como o resto de Galicia xunta”. Na actualidade, a Federación de Veciños rexistra todos os meses unha nova asociación, chegando a case 350 a día de hoxe que suman 20.000 asociados en todo o territorio provincial.

O Presidente expresou o seu compromiso de que, nesa loita, “a Deputación vai camiñar sempre da man dos veciños e das veciñas da provincia de Lugo: colaborando cos concellos, apostando polas políticas sociais, apoiando os sectores produtivos e incidindo na mellora da mobilidade, da nosa rede de comunicacións”. 

Destacou que as administracións teñen a obriga de traballar e de aportar solucións aos problemas dende a cooperación e “asumindo as nosas competencias e as nosas responsabilidades. Os veciños e as veciñas de Lugo aportan sempre ideas, teñen iniciativa e merecen unha xestión pública á altura, non xa do que pagan en impostos, senón pola súa actitude de traballo e responsabilidade. Aí contarán sempre co respaldo da Deputación de Lugo, como contan para a organización desta xuntanza do Día do Veciño”.

A programación dará comezo dende primeira hora da mañá, tras o tradicional partido de fútbol con xornalistas, políticos e veciños, estará dispoñible unha mostra das principais campañas reivindicativas lideradas pola Federación no último ano.  A continuación levaranse a cabo actuacións musicais e ás 14:00 horas terá lugar a tradicional comida, que se recupera tras o parón provocado pola crise sanitaria.

Pola tarde, dende as 16:00 horas comezará a entrega das V de Veciño, trátase duns galardóns cos que a Federación de Asociacións de Veciños recoñecen o labor dun total de 25 persoas que destacan por desempeñar un papel protagonista en favor da dinamización e promoción da súa comarca e, polo tanto, da provincia. Neste ano serán galardoados, entre outros, a Deputada provincial Pilar García Porto, o senador César Mogo; o secretario xeral do PSdeG, presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso; e o dono do restaurante Botafumeiro de Barcelona, Moncho Neira, entre outros. Logo das entregas das distincións veciñais pechará a xornada a actuación musical de Treixadura.