Skip to main content
Lugo

O Gustavo Freire xa ten lista a programación para o segundo semestre de 2022

Por 17 Outubro, 2022Sin comentarios

Maite Ferreiro presentou a programación teatral que terá lugar no Auditorio Municipal durante o resto do 2022. Maite Ferreiro explicou que “en total son 20 propostas, para distintos públicos, con actuacións de grupos de teatro de recoñecida calidade que conseguiron distintos premios”.

“Quixemos poñer o foco nas producións de artes escénicas de mellor calidade feitas en Galicia, que serán o fío condutor da programación, e contaremos tamén con obras internacionais de calidade contrastada”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “esta programación está pensada para o deleite das amantes do teatro e para facilitar un achegamento a esta arte por primeira vez”.

Como novidade, a área de Cultura organiza o ciclo Artistas no Foco, que pon a Lugo no mapa da programación cultural dentro das xiras de varios artistas por todo o estado.

A programación inclúe un total de 9 propostas para público adulto e 9 para familias, xunto con dúas obras máis do ciclo Artistas no Foco. Para acceder ao recinto será preciso adquirir entrada no portal entradaslugo.es ou de maneira presencial na oficina municipal de turismo, cun prezo de 5€ nas actividades para público adulto e 3 nas actividades familiares. Ademais haberá bonos a un prezo de 27€ nas actividades para público adulto e de 22,50€ nas infantís, que permitirán acceder ás 9 actividades de cada idade. As persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG terán un desconto do 30% nas actividades para público adulto. As entradas do ciclo Artistas no Foco poderán adquirirse a través do portal Ataquilla, con entradas de diferentes prezos segundo o espectáculo e a butaca escollida.

Para este mes de outubro hai tres obra programadas. Continente María. Un espectáculo sobre María Casares unha obra de Ainé Produccións, A Quinta do Cuadrante e o CDG que estará este próximo xoves 20 no Gustavo Freire. Continente María é un canto á vida e ao  teatro a través do diálogo coa extraordinaria figura de María Casares. Mediante as múltiples posibilidades que ofrece o teatro, evocan a María non só como a inesquecible actriz que foi, senón tamén como o ser humano que se entregou con absoluta intensidade á vida e á escena para vencer o medo e sobrepoñerse ao exilio, descubrindo nas táboas a súa verdadeira patria. Ten unha duración de 80 minutos e está recomendada para todos os públicos.

O domingo 23 de outubro terá lugar a representación da obra Desconcexión de Títeres Alakrán. Desconexión é unha distopía que aborda a dependencia de estar conectados sobre a que se constrúen neste tempo as nosas vidas e pon de manifesto a necesidade, especialmente na infancia, de conectar co real: co contorno, co humano e cos sentidos que van máis aló de experiencias visuais e auditivas. Esta representación ten unha duración de 45 minutos e esta recomendada para maiores de 5 anos.

A obra Amantis de Rebordelos estará no auditorio o próximo xoves 27 de outubro. Amantis conta a historia de M. Un rapaz de barrio obreiro que quere ser influencer, amado, aceptado. Nese camiño topará coas trampas dun universo intanxible no que non todo é o que parece e no que descubrirá que el mesmo non é quen pensaba ser. A peza explora a brecha xeracional entre nativos e non nativos dixitais, tentando comprender como inflúen as redes sociais, o selfie e o sexting na formación da identidade propia e nas relacións interpersoais. Esta obra está dirixida a público adolescente e ten unha duración de 60 min.