Skip to main content
Monforte

Este xoves o teatro convértese de novo en protagonista en Monforte

Por 25 Outubro, 2022Sin comentarios

Este xoves 27 de outubro ás 20.15 horas no Edificio Multiusos do concello de Monforte terá lugar a posta en escena da obra para adultos Morgana en Esmelle, da compañía Sarabela Teatro.

Dentro do Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta, esta obra de Begoña Caamaño está dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda e interpretada por Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago, Quico Cadaval e Elena Seijo.

É unha obra dirixida a público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

Sinopse

Morgana, a medio irmá e amante de Artur entra na casa de Miranda en procura de respostas á súa infelicidade.

Coa súa dor e coas lembranzas de Merlín vaise tecendo o fío da memoria ata descubrir as razóns últimas da ruína de Avalon e da caída de Camelot.

Sacrificada na loita entre dúas concepcións do mundo, Morgana interróganos sobre a lexitimidade das nosas razóns; mais, acaso a súa condición de vítima faina máis inocente? Son os remorsos e as culpas sentimentos que nos acompañan toda a vida? Temos acaso dereito a esquecer os danos causados polas nosas decisións?.

Con preguntas semellantes, a chegada de Morgana racha a aparente serenidade coa que Merlín vive na fraga de Esmelle.

Unha obra que reescribe o mito cunha ollada contemporánea, unha ollada diferente sobre o mundo artúrico e a Terra de Miranda.

Morgana en Esmelle é unha reflexión que xira ao redor da responsabilidade de asumir as consecuencias non desexadas de cada un dos nosos actos. Un debate sobre a necesidade de adoptar compromisos incómodos e implicarse nos momentos históricos.

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Morte accidental dun anarquista da compañía Talía Teatro que terá lugar o xoves 10 de novembro no Edificio Multiusos ás 20.15 horas, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.