Skip to main content
O Páramo

Realízanse obras de acondicionamento nas estradas do concello do Páramo

Por 21 Outubro, 2022Outubro 22nd, 2022Sin comentarios

O Concello do Páramo vén de executar obras de acondicionamento e limpeza en varias das súas estradas, en concreto nas que rodean as parroquias de Castro de Neira e o Agro.

Tamén tivo lugar a mellora do acceso á igrexa de Gondrame así como o arranxo da pista que vai dende Armada ata O Campo.

O obxectivo principal destas actuacións non só é producir unha mellora do estado das estradas acondicionándoas tanto para o paso de vehículos coma de tódolos veciños, senón tamén limpar as súas marxes.

Entre os próximos proxectos que ten previstos o concello do Páramo, está a creación da pista multideporte que se espera que estea lista para finais de ano, e o arranxo de varios cubre-contedores tanto en Paredes coma en Piñeiro.

Pista multideporte

O concello do Páramo poderá desfrutar dunha nova pista situada no CEIP Plurilingüe na que practicar deportes coma o fútbol ou o baloncesto.

As obras financiadas grazas a unha achega da Xunta de Galicia duns 72.000 euros, deberán rematarse para o 25 de novembro.  Tanto alumnos do centro coma o resto dos veciños do municipio, poderán aproveitar para practicar os seus deportes favoritos coa máxima seguridade e en boas condicións.

O recinto constará dunha superficie total de 22 x 12 metros de resina deportiva, un material flexible que minimiza os danos por caída e que é óptimo para a realización de actividade física. Estará pechado por un valado a modo de parede de dous metros de alto. Albergará ademais as porterías e os cestos nos extremos, así como unha rede no centro para a práctica de deportes de raqueta ou voleibol.

Instalaranse seis torres con iluminación led para a utilización da pista en condicións de pouca luz. Isto axudará a darlle uso tamén no horario non escolar e a garantir a seguridade, evitando accidentes, tal e como recolle o proxecto da obra.

A zona elixida para a instalación desta pista deportiva é unha zona verde próxima a outra pista coa que xa conta o colexio, de forma que ambos espazos deportivos do centro estean próximos.