Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

BNG defende en Madrid a humanización no tramo urbano da N-VI en Outeiro de Rei

Por 23 Outubro, 2022Sin comentarios

A frente nacionalista urxe un proxecto que permita a mellora do firme e a instalación dos elementos necesarios para a mellora da seguranza viaria e, unha vez rematadas as obras, que se transfira a titularidade do tramo ao Concello.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia durante unha visita ao Concello de Outeiro de Rei a presentación de iniciativas para coñecer a posición do executivo estatal sobre o proxecto de construción de vías de servizo a ambos lados da N-VI ao seu paso polo núcleo urbano. A frente nacionalista reclama humanizar a estrada dotándoa de beirarrúas axeitadas, sendas peonís e dos dispositivos necesarios para a mellora da seguranza viaria como rotondas, semáforos ou sinalización adecuada. Alén do máis, o BNG demanda a transferencia, unha vez rematada a obra, da titularidade do tramo urbano ao municipio lugués.

Durante a visita ao Concello de Outeiro de Rei, o deputado do BNG na cámara baixa estivo acompañado polos concelleiros da organización nacionalista no municipio, Elvira Lombao, Xosé Ferreiro e Rita Castedo, ademais da responsábel local, Lara Pita, o responsábel comarcal, Bernardo Valdés, e militantes e simpatizantes.

O actual plan urbanístico do Concello de Outeiro de Rei contempla a construción de vías de servizo a ambos lados da N-VI o que ocuparía un total de 56 metros de ancho e que suporía “dividir en dous a poboación e deixar a veciñanza sen alternativas de paso para atravesar dun lado a outro”. Para a organización nacionalista, este plan vén a agravar aínda máis a situación posto que, ademais da separación, obrigaría a derrubar varios edificios públicos, á destrución de varias vivendas de particulares e afectaría a moitos solares que quedarían reducidos a un tamaño inservíbel.

“Rexistramos preguntas no Congreso para coñecer a opinión do Goberno do Estado sobre o proxecto exposto polo Concello de Outeiro de Rei. O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana debe explicar se comparte e apoia esta idea ou está do lado do conxunto da veciñanza que se mostrou contraria a este proxecto” anuncia o deputado do BNG. De facto, as veciñas e veciños do núcleo urbano presentaron máis de setenta alegacións ante o inicio da Delimitación de Polígonos Urbanos por parte do Concello.

En opinión do deputado do BNG no Congreso, o Goberno do Estado “debe proceder ao arranxo urxente” do tramo urbano da N-VI en Outeiro de Rei mais o proxecto ten que pasar “pola humanización do espazo, dotando a vía de beirarrúas adecuadas, sendas peonís e das medidas de seguranza necesarias para viandantes e vehículos, sobre todo nas incorporacións ás vías laterais”. É dicir, o executivo debe rexeitar o proxecto presentado polo Concello e realizar unha obra que instale os elementos de acougado de tráfico que eviten o perigo da vía, como son pasos de peóns, rotondas, semáforos e sinalizacións adecuadas”.

Debe lembrarse que o proxecto para construír as vías de servizo fixéronse nun momento en que a densidade do tráfico no tramo urbano era elevada, moi distinta á existente na actualidade, posto que non existía a actual autovía que agora serve para desviar unha parte importante do tránsito.

“A veciñanza do Concello de Outeiro de Rei reclama que se descarte o proxecto de construción das vías de servizo e que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, de forma urxente, inicie os trámites e xestións necesarios para a mellora do firme e da seguranza viaria da N-VI ao seu paso polo núcleo urbano de Outeiro de Rei” demanda o deputado do BNG. Neste sentido e, unha vez rematadas as obras, a organización nacionalista defende que a titularidade do tramo urbano da N-VI sexa transferida ao municipio lugués.