Skip to main content
A Pastoriza

Renovarán o pavillón polideportivo da Pastoriza

Por 5 Outubro, 2022Outubro 18th, 2022Sin comentarios

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello da Pastoriza asinaron un convenio para realizar melloras no pavillón polideportivo municipal.

As actuacións previstas inclúen a instalación dun pavimento sintético e adaptado á diversidade da práctica deportiva que se ven desenvolvendo na pista,  que se redefinirá para facilitar o acceso do público ás bancadas superiores. Tamén se farán melloras nas escaleiras e nas bancadas, ademais de poñer redes de protección tras as porterías.

A tenente alcalde da Pastoriza, Elva Carrera, explicou que “este investimento permitiranos renovar unhas instalacións moi empregadas para adestramentos e  competicións tanto de  deporte escolar como do futbol sala feminino, e tamén  por alumnado do colexio e veciñanza en xeral” e incidiu na necesidade de “corrixir algunhas deficiencias que o edificio ven arrastrando desde a súa construcción, como a ubicación da pista, con dúas columnas no fondo que dificultan o acceso á grada”

O deputado de Deportes Efrén Castro enmarcou “o convenio na colaboración que desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo se ven mantendo cos concellos para mellorar as súas infraestruturas deportivas e garantir uns espazos públicos que faciliten o achegamento  do deporte a toda á veciñanza” e incidiu “na importancia destes servizos nos concellos rurais”.

O convenio contempla un investimento conxunto de 64.000 euros e financiará tamén a renovación do canalón da fachada, xa realizado por parte do Concello da Pastoriza.