Skip to main content
As Pontes

As Pontes avanza a programación musical da Feira dos Fungos

Por 19 Outubro, 2022Sin comentarios

A Feira de Fungos e Cogomelos, organizada polo Concello das Pontes, celebrará, a fin de semana do 29 e 30 de outubro, a súa edición número trinta e dos cun programa de actividades, no que destacarán as propostas micolóxicas e gastronómicas a través de obradoiros e talleres dirixidos.

Todo isto estará completado con actuacións musicais e de humor que xa foron avanzadas pola organización do evento, que aínda non presentou a programación ao completo.

Así, sábese xa que o sábado 29 contarán con The Rapants, ás 13.30 horas, Grande Amore ás 20.00 horas e Cariño ás 21.15 horas. Todas estas actuacións terán lugar no patio do colexio de Santa María.

Por outra banda, o domingo será a vez de Devacas, que actuarán ás 13.30 horas tamén no colexio de Santa María.

Pechará a programación a actuación do humorista Touriñán, ás 19.00 horas, no auditorio Cine Alovi. Esta actuación forma parte do programa Dinamiz-ARTj, a cargo do Instituto para a Transición Xusta, que ten como obxectivo xerar unha oferta cultural ampla nos concellos ubicados nas zonas de transición xuta.

Serán un total de 22 actuacións que teñen lugar ata mediados de novembro e a das Pontes é a segunda que se organiza, despois do concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, que estarán este sábado 22 en Cerceda.

Os interesados en asistir ao monólogo de Touriñán, que é gratuíto, deben reservar a súa praza o sábado 22, de 12.00 a 14.00 horas na taquilla do auditorio.

PARA OS NENOS

Están xa confirmadas dúas actuacións para esta feira dedicadas exclusivamente aos nenos. Así, o sábado será a representación A tropa do Dr. Milagre, de Inventi Teatro, un explosivo espectáculo de teatro de rúa onde maiores e pequenos poderán probar de primeira man os “efectivos” produtos do Doutor Milagre. 

Este terá lugar ás 12.30 no parque municipal.

O domingo, ás 12.30 horas haberá un espectáculo de rúa a cargo de Teatro Ghazafelhos co título Bon Appétit, que se desenvolverá no parque municipal.

Trátase dunha comedia onde a cociña tradicional galega é o ingrediente perfecto para escachar de risa, na que o sinxelo pode ser tremendamente difícil e o divertido pode ser moi perigoso.