Skip to main content
Lugo

O CB Breogán e a Facultade de ADE crean un convenio de prácticas

Por 8 Novembro, 2022Sin comentarios

A USC e o Club Baloncesto Breogán S.A.D. intensifican a súa relación a través da sinatura dun convenio de prácticas, promovido a iniciativa da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo e dirixido a alumnado do últimos cursos dos graos en Administración e Dirección de Empresas e en Empresa e Tecnoloxía.

O novo acordo presentado polo decano do centro universitario lugués, Roberto Bande Ramudo, e o director xeral do CB Breogán, Tito Díaz, ofrece ao alumnado dos últimos cursos de grao no centro universitario lugués a posibilidade de realizar prácticas curriculares e extracurriculares nun club deportivo profesional de máximo nivel. Esta nova liña de colaboración permitirá, segundo explica o decano Roberto Bande, que o alumnado da Facultade de Administración e Dirección de Empresas complemente a súa formación en áreas de xestión, dirección, marketing, relación cos clientes e provedores, relación cos abonados, etc.

A xestión económica do deporte combina boa parte das competencias traballadas nas dúas titulacións de grao impartidos no centro universitario lugués, sinala Bande Ramudo, que estima que a oferta de estadías en prácticas no CB Breogán contribuirá á formación de profesionais responsables da administración, dirección e xestión de empresas que se desenvolven en contextos altamente competitivos.

A Liga Endesa, competición na que está inscrito o CB Breogán na actualidade, está considerada como a mellor liga profesional de baloncesto do mundo despois da NBA, polo que este convenio de prácticas ofrece unha oportunidade única para o alumnado da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC nunha área cada vez máis demandada no mercado laboral, tal e como é a da xestión económica do deporte profesional, indica Bande.

Este novo convenio, que segundo comentaron Tito Díaz e Roberto Bande tamén contempla a posibilidade de que os futuros graduados e graduadas da Facultade de Ade poidan desenvolver os seus respectivos TFG durante as súas estadías en prácticas nas distintas seccións e departamentos do CB Breogán, reforza as excelentes relacións mantidas desde sempre entre as dúas entidades e que se teñen materializado en diferentes áreas de colaboración, e mesmo o patrocinio do club deportivo por parte da USC durante varias tempadas.