Skip to main content
Lugo

Avanzan os traballos de reurbanización da rúa Bal y Gay

Por 27 Novembro, 2022Novembro 28th, 2022Sin comentarios

Continúan os avances na obra de reurbanización executada polo goberno de Lugo na rúa Bal y Gay onde o tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas realizaron unha visita . “Trátase dunha rúa que contaba cunha pavimentación de formigón moi desgastada, e con beirarrúas insuficientes, que non garantía a accesibilidade”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “nas vindeiras semanas rematarán os traballos, dando un paso máis na mellora dos espazos públicos de Lugo, gañando zonas para o desfrute das persoas e mellorando a accesibilidade”.

Os traballos executados pola concellería de Infraestruturas consistiron na pavimentación da rúa, instalando unha nova capa de rodadura baseada en mestura bituminosa en quente, e garantindo tanto o espazo peonil como o espazo de estacionamento. A nova distribución da rúa fórmase cun carril de circulación, un carril de estacionamento e unha beirarrúa ampla. Para garantir a seguridade das zonas peonil, separouse da calzada habilitando unha nova franxa axardinada.

O Goberno de Lugo renovou tamén a canalización de alumeado e a rede de alumeado da zona, instalando novas luminarias LED, o que permitirá avanzar na renovación da rede de alumeado público da cidade con perspectiva de xénero e reducindo o consumo total da rede.  A actuación foi adxudicada a Ovisa, e suporá un investimento de 181.094,65€.