Skip to main content
Lugo

Aberto o prazo de inscrición para o programa Explorer da USC

Por 30 Novembro, 2022Sin comentarios

Aberto o prazo de inscrición ata o 13 de decembro para que a mocidade universitaria emprendedora participe na nova convocatoria do programa Explorer, a través da plataforma Santander X . A nova edición desta iniciativa de impulso ao talento mozo promovida polo Banco Santander e dirixida polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) en colaboración local coa USC, a Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo, desenvolverase de xeito semipresencial e/ou en liña desde o 30 de xaneiro ata o 30 de abril nos campus de Lugo e de Compostela.

Logo de 15 edicións, a mocidade emprendedora da USC xa se ten convertido en protagonista de seu do programa Explorer, que, no caso da sede universitaria luguesa, actuou como xermolo de iniciativas de negocio hoxe xa consolidadas, tal e como é o caso
de Innogando ou, entre outras, Legaltmit, unha firma de base tecnolóxica que ven de recibir unha importante inversión de capital por parte do fondo Lugo Transforma.

A nova convocatoria do Explorer está estruturada en 12 semanas de formación e mentoring, un período durante o que a mocidade emprendedora inscrita terá a oportunidade de conectar cunha comunidade internacional de emprendedores de dez países (Argentina, Brasil, Chile, México, España, Portugal, Reino Unido, Uruguay, Alemaña e EE.UU.), validar a súa idea de negocio e desenvolver as habilidades necesarias (liderado, traballo en equipo ou habilidades de comunicación) para transformala nunha
solución viable e sostible.

A mocidade participante desenvolverá as súas ideas de forma colaborativa nestes centros de coworking de alto rendemento, nos que tamén se favorece a conexión con outros emprendedores, ao tempo que se ofrece asesoramento personalizado e monitorización.

De feito, os Explorer Space da USC están localizados no edificio Emprendia de Santiago, un enclave considerado núcleo da transferencia de coñecemento, innovación e emprendemento do Campus Vida, e na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo. As dúas ubicacións contan con espazos coworking e ferramentas para a incubación e a formación, tanto presencial como virtual.

As actividades dos Explorer Space habilitados na USC intégranse no programa que se xestiona dende a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE). Todas as persoas interesadas en desenvolver a súa idea de negocio e optar ós premios, deberán presentar a súa candidatura (solos ou en equipo) a través da plataforma de emprendemento Santander X ou ben anotarse no USCLugoSpace .

Os proxectos premiados no Explorer Space da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo contarán tamén coa dispoñibilidade dun espazo de incubación para o seu proxecto na Fundación CEL, que colaboran activamente na difusión e desenvolvemento do programa entre o seu tecido empresarial. Unha vez completado o programa Explorer, os promotores das mellores iniciativas de negocio maduradas en cada entidade local accederán ao Explorer Trip, un cumio de emprendedores que se desenvolverá en Valencia e que permitirá á mocidade participante intercambiar experiencias e coñecementos durante unha semana nun reconocido polo de innovación europeo.