Skip to main content
Lugo

O Casco Histórico de Lugo será Zona de Baixas Emisións

Por 30 Novembro, 2022Sin comentarios

Os traballos para deseñar e artellar a nova normativa de circulación municipal, na que xa se integrará o regulamento da Zona de Baixas Emisións (ZBE) que se creará na capital xa deron comezo. Áreas que son obrigatorias para as cidades de máis de 50.000 habitantes co obxectivo de cumprir co mandato europeo de reducir as emisións de C02.

No caso de Lugo, lembrou a rexedora, a primeira ZBE corresponde ao Centro Histórico entre murallas, que será peonil na súa totalidade grazas ao proxecto Corazón Verde, cofinanciado por fondos europeos co que “gañaremos espazos para a cidadanía, reduciremos o tráfico rodado e renaturalizaremos as prazas e rúas coa finalidade de minorar a contaminación atmosférica, os niveis de ruído e as vibracións, altamente prexudiciais para a saúde da cidadanía, pero tamén perigosas para a conservación do noso rico patrimonio histórico e artístico, especialmente para os Bens Mundiais do municipio”.

O proxecto pretende mellorar a calidade de vida, poñer en valor os espazos emblemáticos entre murallas e dinamizar social e economicamente o Centro Histórico, ao tempo que se minoran –  incidiu a alcaldesa – até un 40% as emisións nas rúas da contorna que soportan un tráfico de 37.000 vehículos semanais.

Méndez avanzou, así mesmo, a súa disposición de traballar para que o novo regulamento acade o maior consenso posible, “polo que acabamos de abrir un proceso de participación cidadá encamiñado a manter un diálogo cos distintos sectores económicos e sociais implicados e coas persoas residentes”.

O Executivo municipal adxudicou o pasado outubro o contrato para deseñar as medidas que rexerán a ZBE, “e agora iníciase un prazo de 6 meses para obter toda a información que permita, baixo parámetros de xustiza social, tomar as decisións que incrementen a eficacia das peonalizacións previstas“.

Méndez trasladou que, nesta primeira fase de diagnóstico, da man da empresa adxudicataria da licitación, “desenvolveremos sesións de debate aberto cos diferentes axentes sociais para recompilar as diferentes opinións e sensibilidades. Apostamos, sostivo, por concienciar e non por sancionar, polo que queremos coñecer todos os puntos de vista dos diferentes axentes implicados – tanto a veciñanza do centro, como as asociacións de comercio e hostalería, a rede de distribuidores, ou os servizos de transporte de viaxeiros –, que poderán trasladarnos as súas ideas e suxestións coa finalidade de valoralas e telas en conta, na medida do posible, á hora de artellar a nova Ordenanza”.

Este proceso de participación xa se iniciou con reunións mantidas con representantes da hostalería e o comercio, así como cos técnicos municipais e, proximamente, se manterán máis xuntanzas cos distintos colectivos afectados así como coas persoas residentes.

Lugo Corazón Verde

Na actualidade, gran parte do recinto amurallado é xa peonil. Porén, o proxecto Lugo Corazón Verde busca dar un paso máis impulsando a peonalización do 15% restante que quedaba aberto ao tráfico, estendéndoa á integridade da superficie intramuros.

Das actuacións previstas, están en proceso de licitación as obras na Praza do Ferrol e San Fernando, así como as que se executarán entre a porta da muralla ‘Bispo Odoario’ e Praza do Ferrol e nas rúas Montevideo, Bolaño Rivadeneira, Ramón y Cajal, Quiroga Ballesteros (no tramo comprendido entre Bolaño Rivadeneira e San Froilán) e Amor Meilán (no tramo comprendido entre Quiroga Ballesteros e San Fernando).  Proximamente, aprobarase en Xunta de Goberno Local a licitación das obras da Praza de Santo Domingo e Rúa do Teatro.