Skip to main content
Monforte

Monforte desenvolverá unha campaña sobre reciclaxe de residuos na cidade

Por 18 Novembro, 2022Novembro 21st, 2022Sin comentarios

A próxima semana dará comezo no concello de Monforte a campaña de información sobre a reciclaxe de residuos domésticos, dirixida a tódolos monfortinos e monfortinas.

Organizada polas Concellerías de Medio Ambiente e Servizos do Concello de Monforte e baixo o lema Cada cousa no seu sitio, o obxectivo desta iniciativa tal e como sinala o alcalde, “é informar ós nosos veciños e veciñas sobre as claves para que poidan levar a cabo unha axeitada reciclaxe dos residuos que xeran nos seus  fogares”.

A campaña, que dará comezo o luns e que se prolongará ata o vindeiro 18 de decembro, ten por obxectivo informar ós veciños e veciñas sobre as claves para levar a cabo unha axeitada reciclaxe dos residuos que se xeran no fogar.

Dese xeito, a través desta campaña o Concello repartirá de folletos informativos, no que se explicarán as diferentes fraccións a reciclar, así como os teléfonos de contacto e horarios de apertura do punto limpo de Monforte.

A campaña informativa busca tratar de mellorar as porcentaxes de reciclaxe de todas as fraccións recollidas de forma selectiva, ben sexan envases, papel/cartón e vidro, xunto con outros residuos que se recollen de forma separada, como son os mobles e aparellos, aceite e roupa usada.

Tamén se trata de fomentar o uso do punto limpo, tratando de eliminar os vertidos incontrolados que se producen de forma periódica en diferentes puntos do Concello.

Para o reparto da información, situarase un stand informativo nos puntos de maior tránsito peonil da cidade. O luns 21 estará no Campo de San Antonio de 10 a 12 horas e na Praza da Estación de 12 a 14 horas. O martes 22 situarase na Rúa Cardenal de 10 a 13 horas e o mércores día 23, na Praza de Abastos en horario de 10 a 13 horas.

Con respecto ó mes de decembro, o luns 19 estarán no Campo de San Antonio de 10 a 12 horas e na Praza da Estación de 12 a 14. O martes 20 na Rúa Cardenal en horario de 10 a 13 horas e o mércores 21, na Praza de Abastos de 10 a 13 horas.