Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Outeiro de Rei iza a bandeira verde nunha xornada dedicada á compostaxe

Por 8 Novembro, 2022Sin comentarios

O municipio de Outeiro de Rei acolleu hoxe unha xornada medioambiental que puxo de relevo as distintas vías de colaboración que neste eido manteñen a Xunta e o concello.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias Fouz, e o alcalde, José Pardo Lombao, participaron no izado da bandeira verde na Praza do Concello, xunto á Casa Consistorial, distintivo que conseguen por segunda vez consecutiva e que outorga a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para enxalzar as boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe. Outeiro de Rei foi un dos seis municipios lucenses que conseguiu ou renovou este recoñecemento no presente ano, xunto con Alfoz, Mondoñedo, Sober, Cervo e Ribadeo.

Durante toda a mañá desenvolveuse unha campaña de fomento da compostaxe doméstica, na que se repartiron 50 composteiros aos veciños e veciñas interesados. Para elo, instalouse unha carpa informativa na que se podía solicitar o recipiente, que se entrega de forma gratuíta, e impartiuse unha charla sobre a materia no salón de plenos. Tamén se iniciou a distribución de 100 contedores amarelos en distintos núcleos de poboación.

O Goberno galego achegou 8.660 euros ao concello ao abeiro das axudas para a execución de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, en concreto, para proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria.

Así mesmo, inaugurouse a exposición itinerante As paisaxes da auga, que promoven conxuntamente os concellos de Outeiro de Rei e Castro de Rei para promocionar os seus espazos naturais. Está configurada en oito cubos desmontables formados por estruturas de aceiro galvanizado e paneis de aluminio impresos. Conta cun orzamento de 35.600 euros, dos que a Xunta achega o 65% a través do Fondo de Compensación Ambiental.