Skip to main content
Burela

Alfredo Llano subliñou que o alumeado de Nadal “está equilibrado co aforro enerxético”

Por 12 Decembro, 2022Sin comentarios

O alumeado de Nadal en Burela estará aceso ata o vindeiro 7 de xaneiro, segundo anunciou o alcalde, Alfredo Llano. O rexedor subliñou que é preciso equilibrar o aforro enerxético co custe desta iluminación e cos días que estará acendida. 

Llano contou que “estase completando o alumeado do Nadal aquí en Burela e nunha boa proporción estará iluminando o noso concello. Este ano trátase de equilibrar o que é a filosofía do aforro enerxético, o custe, os días que van estar colocadas esas luces, a cantidade delas que se instalan, etc. O que se pretende é amosar a nosa responsabilidade e toda esta cuestión e procurar iluminar o pobo durante practicamente un mes, porque a iluminación estará acesa ata o 7 de xaneiro”.

Para o alcalde burelés “é preciso equilibrar todo isto. A fin do alumeado de Nadal é motivar e que a xente se atope con ganas de compartir e que estea a gusto no noso pobo e que anime á xente de fora a vir po Burela. Do que se trata é de buscar sempre a mellor solución equilibrando a economía, o obxectivo 2030 e ter a satisfacción de poder iluminar o máximo posible de acordo cos orzamentos do Concello. Xa veremos agora tamén o horario de acendido e de apagado”.

Alfredo Llano engadiu: “vamos tratar de ofrecer un bo ambiente das festas de Nadal, sobre todo a partir do 22 de decembro, marcado por todas as actividades programadas e consideramos que este ano vai ser notoria e vistosa a cabalgata de reis, xa que estamos aí botándolles unha boa man para que sexa un atractivo e un motivo bo para saír á rúa e que pequenos e grandes gocen destes acontecementos”.