Skip to main content
Lugo

Inicia o proceso para a creación do novo polideportivo

Por 17 Decembro, 2022Decembro 19th, 2022Sin comentarios

Inicia o proceso de contratación para a redacción do proxecto do novo pavillón polideportivo que se construirá na Garaballa, denominado Lugo Sport Life. Así o avanzou a alcaldesa, quen subliñou que “damos un paso máis para a execución dun proxecto amplamente demandado pola cidadanía, co que ofrecer ás e aos lucenses unhas instalacións modernas e de calidade para o futuro, atendendo á necesidade de novas dotacións deportivas no municipio”.

Deste xeito, o executivo municipal licitou por un importe máximo de 80.000 euros a redacción do proxecto, dispoñendo as empresas interesadas dun prazo de catro meses para a súa execución. Cómpre subliñar que o Concello xa dispón dun anteproxecto, que se caracteriza polo uso de técnicas e materiais respectuosos co medio ambiente, coa inclusión de criterios de eficiencia enerxética e o emprego de madeira como elemento construtivo. A parcela na que se construirá o novo pavillón, de titularidade municipal, sitúase ao carón da Rúa Veiga Grande, fronte ao centro comercial As Termas, e ocupa unha superficie de 3.490,60 m2.

Disporá dunha pista central multifuncional, catro vestiarios e zonas de almacenaxe. Así, ofrecerá a posibilidade de albergar competicións de: fútbol sala, baloncesto (2 canchas), balonmano, minibasket (4 canchas), voleibol (4 canchas), bádminton (4 canchas), ximnasia rítmica ou outros deportes de interior. Tamén disporá dunha zona de recepción e un espazo de carácter social.

A maiores, contempla un sistema de bancada retráctil para todo o complexo, acompañado de dúas pequenas bancadas laterais fixas, podendo albergar un aforo de case 1.000 espectadores segundo a configuración. Este sistema confire gran versatilidade á hora de ofrecer distintos espectáculos deportivos: segundo a modalidade deportiva recolocaranse as bancadas, ao mesmo tempo que se aumenta ou diminúe a súa capacidade; e, dado o caso, tamén existirá a posibilidade de recoller todas as bancadas para aumentar o espazo dispoñible para calquera evento.

Así, Méndez lembrou que “esta iniciativa nace coa vontade de acompañar o desenvolvemento do programa LIFE Lugo+Biodinámico, pois a infraestrutura situarase no entorno do novo barrio multiecolóxico da Garaballa e construirase seguindo os criterios de sustentabilidade e aforro enerxético que persegue esta programación e que caracterizan o deseño das cidades verdes do futuro na loita contra o cambio climático”.

O proxecto que se elabore agora deberá contemplar o incremento xeralizado dos prezos das materias primas, que se vén encadenando nos últimos meses, e que se estima entorno a un 40%, resultando un orzamento total aproximado de 4.233.306 euros.

O novo polideportivo compartirá moitas das premisas do edificio Impulso Verde, pois o seu deseño seguirá os principios de eficiencia, sustentabilidade e innovación que marcarán o desenvolvemento da arquitectura nos vindeiros anos. Será un pavillón de liñas contemporáneas, no que a madeira será protagonista, adaptándoa para uso tanto na fachada como na estrutura, e que poñerá especial énfase nas percepcións que o espazo físico transmite ao usuario, primando a iluminación natural e a continuidade entre exterior e interior, buscando unha integración plena na contorna.

Criterios de arquitectura pasiva recollidos no anteproxecto

O deseño do edificio realizouse con criterios de arquitectura pasiva. O volume compacto e encaixado no terreo minimiza a superficie de fachada evitando perdas térmicas.  Doutra banda, proxéctase un gran depósito situado no soto que recolle a auga pluvial desde a cuberta para a súa reciclaxe e utilización para a totalidade da rega, así como a recuperación de augas grises de ducha para a súa reutilización para o 100% das descargas de wc.

Buscando o máximo aforro e sustentabilidade nas instalacións, expóñense dous sistemas complementarios que, unidos aos sistemas pasivos de acondicionamento, resolven as necesidades específicas do edificio. Para a zona de pistas e bancadas, proponse unha máquina de Alta Eficiencia Enerxética, que servirá para temperar este espazo no inverno e refrixerar no verán. Esta refrixeración non ten consumo eléctrico engadido, dado que se consegue por evaporación de auga.

Doutra banda, empregarase o sistema de xeotermia para garantir a achega necesaria de auga quente para ACS e climatización nas zonas de vestiarios, despachos e sala de usos múltiples. Este sistema compleméntase con dúas máquinas (unha en cada lateral) de ventilación por recuperación de calor, conseguindo unha climatización con moi baixas emisións, altísima eficiencia e mantemento mínimo.

En canto ao uso de materiais, a madeira será protagonista, adaptándoa para uso tanto en fachada como na estrutura.  Excepto pola necesidade de uso do formigón en planta soto para a contención, a estrutura principal do edificio resólvese na súa maior parte a base de vigas e paneis de madeira contralaminada CLT, que ademais de ter unhas  excelentes propiedades físicas, trátase dun material 100% reutilizable, cunha baixa pegada de carbono, e que, grazas á sua prefabricación, supón unha redución dos tempos de execución en obra.

Ao mesmo tempo, ao deixar a estrutura vista, conferirá un ambiente acolledor e cálido ao interior, afastado da frialdade característica de moitos equipamentos similares, e servirá de escaparate para fomentar o uso da madeira no futuro.