Skip to main content
Lugo

Volve en xaneiro a programación do +Xti

Por 31 Decembro, 2022Sin comentarios

Comeza en xaneiro a programación do programa +Xti, que inclúe actividades de ocio, formación e sensibilización como accións de prevención contra a drogodependencia dirixidas á mocidade e que se desenvolverán ata o mes de xullo.

O programa, dependente do Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias, inclúe accións que en edicións pasadas foron moi demandadas, como as sesións formativas pensadas principalmente para axudar ás persoas en paro ou con traballos moi precarios, cursos de condución segura ou iniciativas culturais.

Pero tamén inclúe propostas máis novidosas, como Lugo Mola, co que se pretende “embelecer diferentes zonas de encontro da mocidade, facéndoos partícipes desa transformación a través de diferentes intervencións, fomentando a aprendizaxe de técnicas relacionadas coas artes plásticas e outras disciplinas que melloran a nosa cidade”, segundo explica Repetto, e Lugo Sport.

Esta última – sostén o concelleiro- busca “impulsar a práctica deportiva das e dos lucenses máis novos nas dotacións municipais así como potenciar o uso dos recursos naturais co propósito de fomentar hábitos de vida saudables”.

Da programación, iniciáronse xa os plans de apoio escolar, que repercuten nos máis cativos e nas súas familias, onde se traballa coa comunidade educativa de Lamas de Prado para combinar esta actividade, con educación en valores, hábitos saudables e habilidades sociais nos momentos de descanso.

Do resto de accións, os prazos se irán publicando na plataforma de Lugo+Xti así como nas redes sociais da área de Xuventude e na web do Concello de Lugo.

A programación desenvólvese cunha subvención do Ministerio de Sanidade, por importe de 173.848 euros, a través do Plan Nacional sobre Drogas.