Skip to main content
Monterroso

Santiago Besteiro gaña o Premio Nacional de Artesanía

Por 18 Decembro, 2022Decembro 19th, 2022Sin comentarios

O obradoiro de coiro de Santiago Besteiro de Monterroso gaña os Premios Nacionais de Artesanía 2022, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo na categoría de Emprendemento, ao que tamén optaba o obradoiro de tornería Vikensen (Tomiño), ambos os dous pertencentes á marca Artesanía de Galicia.

Santiago Besteiro Design dedícase ao deseño, desenvolvemento e elaboración de pezas artesás de alta calidade realizadas con materiais naturais e biodegradables. O seu traballo céntrase no coiro combinado con outros materiais como a pedra ou a madeira, primando a
investigación con novas formas e materiais, un deseño simple e funcional e buscando ofrecer os máis altos estándares de calidade. No taller mantén dúas liñas de produtos: por unha banda, á marroquinería e, pola outra, pezas escultóricas e dedicadas á decoración
de interiores. Actualmente, traballa realizando prototipado e investigación de novos produtos para clientes coma Loewe, que en xuño deste mesmo ano 2022 presentouno no Salón do Moble de Milán como novo artesán colaborador.

O obradoiro de Santiago Besteiro está recomendado pola guía dixital Homo Faber, que destaca a excelencia da artesanía europea, e da guía dixital España Artesana, impulsada cpola Asociación Contemporánea de Artes y Oficios, que destaca os mellores artesáns de España. Na súa curta traxectoria foi xa finalista en tres ocasións dos Premios Artesanía de Galicia (2020, 2021 e 2022) e do European Craft Prize 2021.

Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados anualmente polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e da súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. A calidade e a distinción da Artesanía de Galicia está cada vez máis presente nos Premios Nacionais de Artesanía. Desde a súa creación no ano 2006, o sector artesanal galego, incluídas as entidades públicas e privadas que o apoian, teñen recibido 13 premios e unha mención especial, ademais de ser finalistas en numerosas ocasións.

A Fundación Pública Artesanía de Galicia da Xunta recibiu o Premio Promociona para entidades públicas en 2012 e 2016 (polo proxecto Enredadas, realizado en colaboración coa Consellería do Mar e orientado a impulsar a diversificación do traballo das redeiras artesás) sendo tamén finalista en 2011, 2019, 2020 e 2022.