Skip to main content
Monforte

O Concello de Monforte mellora tres instalacións deportivas municipais

Por 28 Decembro, 2022Decembro 29th, 2022Sin comentarios

Os equipamentos de tres instalacións deportivas do Concello de Monforte foron melloradas debido a que as anteriores “estaban deterioradas polo uso e o paso do tempo”, como comentou o alcalde, José Tomé Roca.

Concretamente, as dos Campos municipais de fútbol da Pinguela e Luis Bodegas, así como no Pavillón Municipal da Pinguela. O investimento total para estes novos equipamentos foi de 53.228,67 euros.

“Estas tres instalacións deportivas municipais contan con ferramentas esenciais para o desenvolvemento de todo tipo de eventos deportivos, e tamén facilitará os adestramentos e competicións dos equipos monfortinos que habitualmente usan estas instalacións, así como as actividades dos centros educativos da cidade” destaca o alcalde.

No caso dos campos de fútbol da Pinguela e Luis Bodegas, estes contan a partir de agora con vídeo pantallas de última xeración que substitúen aos marcadores tradicionais que estaban instalados anteriormente. No campo da Pinguela instalouse unha vídeo pantalla de 8,6 metros cadrados e no Luis Bodegas unha de 5 metros cadrados. O investimento foi de 42.178,14 €.

No Pavillón Municipal da Pinguela instalouse un novo sistema de son e megafonía que substitúe ao que estaba instalado ata o de agora, deteriorado polo uso e o paso do tempo. O investimento do Concello para renovalo foi de 11.050,53 euros.

Meses atrás xa se reformara a instalación eléctrica do pavillón da Pinguela e instalárase un novo videomarcador deportivo con tecnoloxía de última xeración, unha nova iluminación e renovose o terreo de xogo do Campo municipal de A Pinguela.

José Tomé tamén subliñou que “actualmente estamos a renovar e mellorar os campos de céspede artificial do Luis Bodegas e do Calasancio, cun investimento que alcanza os 600.000 euros, e grazas a unha axuda do Consejo Superior de Deportes”.