Skip to main content
Abadín

O PSOE leva ao Parlamento a situación do persoal médico en Abadín

Por 15 Decembro, 2022Sin comentarios

A situación sanitaria de Abadín chega ao Parlamento de Galicia. Segundo afirma o PSOE, actualmente, só hai un médico para atender a unha poboación de 2.300 veciños e veciñas, e a carga de traballo que está soportando o único facultativo é excesiva.

Por iso, a deputada Autonómica do PSdeG Patricia Otero avanzou que rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias coas que reclama garantir a mellor cobertura sanitaria en Abadín, coa presenza sistemática e continuada dos profesionais necesarios para cubrir os cupos establecidos para Atención Primaria neste centro de saúde. Na proposición rexistrada, os socialistas solicitan á Xunta que notifique ao Concello de Abadín o volume actual de cupos de Atención Primaria establecidos para o centro de saúde do Concello.

O voceiro Socialista de Abadín, Pablo Díaz, lembra que no mes de agosto a agrupación socialista iniciou unha campaña de recollida de sinaturas, coa que percorreron as parroquias do municipio e na que constataron a preocupación e as inquedanzas dos veciños e veciñas polo deterioro da Atención Primaria. Froito desta campaña entregaron na delegación da Xunta en Lugo preto de 1.100 sinaturas coas que reclaman á Consellería de Sanidade mellorar de xeito urxente a Atención Primaria no concello de Abadín. Ademais, demandou que se retome a prestación do servizo de pediatría que a Xunta recortou hai tempo.

Dende o PSdeG queren coñecer as explicacións do Goberno da Xunta sobre este “abandono”, e preguntarán en sede parlamentaria “ata cando vai manter o Goberno do PP a situación de precariedade existente no centro de saúde de Abadín”. E tamén “se considera suficiente e satisfactoria a cobertura actual”, inciden os socialistas.