Skip to main content
Lugo

Novos desexos para o novo ano

Por 7 Xaneiro, 2023Sin comentarios

Comeza o ano 2023 que estará marcado polas datas electorais, tras dous anos de pandemia, este 2023 será o ano das urnas, onde os cidadáns teñen unha nova oportunidade para elixir representantes. As diferentes asociacións e colectivos lucenses márcanse novos propósitos e desexos cara ao novo ano e ás vindeiras eleccións.

No eido cultural, Eduardo Risco, presidente da asociación cultural Cántigas e Frores, conta que para eles este é un ano de celebración xa que “este ano facemos 75 anos e temos un motón de proxectos con actuacións, actos e galas para celebrar este aniversario”.

Cántigas e Frores é unha asociación cultural que se adica ao estudo, fomento e divulgación da cultura tradicional galega a través de recollida de material, escolas de formación, edición de publicacións e actuacións. Para este ano electoral piden “que se apoie máis a cultura tradicional, non so a través de actuacións puntuais senón tamén a través da recuperación e posta en valor do ben inmaterial cultural que está principalmente en mans de asociacións coma a nosa e menos nas institucións”.

Eduardo tamén ten outro desexo, non só para a súa asociación senón para toda a cidadanía, “que se poña o auditorio a funcionar, eu entendo que haxa problemas pero os que sofren sempre ó final é o publico e a xente que ten que actuar”.

Este ano foi un ano importante na defensa e posta en valor do medio ambiente. A asociación Adega leva anos loitando pola defensa do medio ambiente galego e na delegación de Lugo teñen como obxectivos para este novo ano “aumentar a participación de persoas involucradas na loita e nas acción reivindicativas que levamos a cabo así como tamén nas accións de voluntariado que realizamos dende a asociación”.

“Tamén é importante seguir defendendo o medio ambiente na cidade e no concello de Lugo e continuar tecendo redes con outros colectivos que haxa na localidade”. Actualmente “estamos en loita con dous grandes proxectos un é o parque eólico Picato e o outro a Rolda Leste por iso tamén precisamos máis participación nas loitas e máis movemento social”. Dende Adega consideran a Rolda Leste unha obra “innecesaria na que se van destruír espazos que aportan servizos ecosistémicos á cidade, ademais vai deixar a aldeas como Bosende ou Barbaín entre dúas autovías, a A6 e esta autovía urbana da Rolda Leste, co aumento de emisión e ruídos que iso causa.

Adega pide tamén para este novo ano que “se conserve e se mellore o sistema dos ríos xa que temos un grave problema de que se converten en vertedoiros e non se está facendo nada por mellorar a saúde dos ríos que nos entendemos é fundamental”.

O ano 2022 remataba cun mes negro para a violencia de xénero e cun aumento das denuncias en Galicia por iso o traballo de asociacións como Si hai saída continúa a ser moi importante.

Para este novo ano “imos continuar con esta loita porque á vista está que o panorama é máis que desolador” e “contar unha por unha todas as eivas que durante todo este tempo vimos transmitindo de xeito calado aos diferentes interesados e que están revertendo neste panorama.

Para Si hai saída é importante tamén “visibilizar aínda máis e dar a coñecer todo o posible a situación de desprotección e indefensión en que se está deixando a estas mulleres e aos seus fillos e intentar por todos os medios que se nos escoite a todos os que estamos en contacto directo coas vítimas”.

Dende Aspace contan que “estamos un pouco faltos de liquidez e o desexo que temos para 2023 é poder seguir ofrecendo os servizos que estamos ofrecendo, e poder atender a todo o colectivo de parálise cerebral da provincia de Lugo”.

Aspace, a Asociación de Persoas con Parálise Cerebral de Lugo, presta unha atención globalizada ás persoas con parálise cerebral co obxectivo de mellorar a súa independencia e ofrecer os coidados precisos que respondan ás necesidades físicas e de relación social das persoas con parálise cerebral e grandes necesidades de apoio, e ás súas familias.

“Aproveitando o ano electoral, queremos reunirnos con todos os grupos políticos para facer unha solicitude dun cambio na ordenanza municipal e conseguir que nos baños públicos nos que o espazo o permita poñer unha padiola para poder cambiar os fillos ou familiares, non só nenos, tamén persoas adultas. É dicir uns cambiadores inclusivos que permitan ás persoas con parálises cerebral moverse máis pola cidade”.

Para o vindeiro ano dende a asociación tamén desexan “contar con grúas nas piscinas exteriores para poder desfrutalas de cara ao verán”.

No ámbito deportivo dende o Estudiantes Lugo esperan que neste 2023 “se consoliden as categorías inferiores do club despois destes anos de pandemia e que o equipo que actualmente compite en primeira nacional consiga o ascenso”. Para este novo ano electoral a Suso Lázare, presidente, gustaríalle “contar con novas instalacións como ese novo proxecto de pavillón e que se continúe a traballar pola mellora dos que xa temos actualmente”.

Similares son os desexos de Andrés Méndez, presidente do Club Waterpolo Lugo, que lle gustaría “contar con outra piscina na cidade de Lugo. Hai unha gran demanda e interese en deportes como a natación ou o waterpolo e nalgúns momentos os horarios son bastante axustados”. Este ano, por primeira vez desde a súa creación o Club Waterpolo Lugo conta con dous equipos competindo en categorías inferiores e a nivel interno, para Andrés, o máis importante sería “consolidar as categorías de formación xa que son o futuro e o máis importante de cara a continuidade do club”.

Juan Alberto, presidente da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, desexa para este ano 2023 “as novas instalacións da Protectora de Lugo. E se todo sae ben vai ser un espazo con instalacións modernas e moita dignidade para os cans. Espero que este ano sexa o ano, é un proxecto ambicioso e a min gustaríame que a espera pagase a pena e poder anuncialo antes da vindeira asemblea xeral de socios”.

Ademais dende a asociación queren “aumentar a sensibilización da xente en esterilizar e en non abandonar para que algún día as protectoras non sexan necesarias”. Na Protectora de Lugo, como en tantas outras, hai cans que levan moitos anos nas instalacións e “a min faríame moita ilusión que eses cans tiveran un final de vida cunha familia que lles compense ese sufrimento que tiveron gran parte da súa vida, porque a pesar do noso traballo na protectora, fáltalles o cariño e o contacto humano” declara Juan Alberto.