Skip to main content
Axenda CaducadaLugo

O Vello Cárcere acolle a presentación do libro ‘Unha nova Olanda’

Por 24 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O Vello Cárcere acolle o vindeiro 27 de xaneiro a presentación do libro Unha nova Olanda do prestixioso ensaísta Antón Baamonde para debater sobre o enorme potencial da Eurorrexión conformada por Galicia e o norte de Portugal nun escenario global.

O escritor lucense conseguiu elevar á axenda pública o cáracter urbano de Galicia e a identidade de cada cidade pero baixo unha perspectiva integradora,  “Galicia ten que pensarse como unha única cidade con varios nós”, explica. O autor estará acompañado na presentación por Lara Méndez, alcaldesa de Lugo e a primeira muller que preside o Eixo Atlántico, Ramón Villares historiador, catedrático e ex presidente do Consello da Cultura Galega e Daniel Hermosilla conselleiro delegado do Grupo Rodiñas.

Segundo Antón Baamonde, Galicia, como Holanda, forma unha rede urbana, un diamante con vértices nas sete cidades. “Promover unha boa conexión podería favorecer a comprensión de Galicia como unha cidade única, necesaria para reter e captar creatividade e talento, en definitiva, a competividade das sociedades no mundo global”, afirma.

Para Baamonde, “a cooperación entre as diversas cidades galegas é inevitable. Están chamadas a entenderse”. Pero vai máis alá  “convén pensar o modo en que Galicia vai conformar unha agregación de habitantes, actividade económica e vida urbana coa área de Porto e o Norte de Portugal, xa que os dous territorios pódense complementar para promover un efecto multiplicador nas súas economías e sociedades”.

Antón Baamonde (Vilalba, 1959) é profesor de filosofía e escritor. O seu campo de especialización é o ensaio filosófico e político. Autor de numerosos libros, colaborador habitual de medios de comunicación en España, é membro da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, do Consello Asesor da Fundación Carlos Casares e do Padroado de Radiodifusión.