Skip to main content
Lugo

Un dispositivo intensivo de roza actúa na contorna do antigo mercado gandeiro do Ceao

Por 27 Xaneiro, 2023Sin comentarios

A área de Medio Ambiente desenvolve estes días un dispositivo intensivo de roza nun dos sectores do polígono industrial do Ceao onde se detectou unha maior acumulación de maleza.

O concelleiro, Miguel Fernández supervisou os labores da brigada, equipada con rozadoras, motoserras e sopradoras, “á que se dotou con catro operarios especialistas no manexo desta maquinaria e na realización deste tipo de tarefas, na procura dunha maior eficacia”, indicou.

“O operativo, sinalou o edil, completouse con tres tractores, un deles con pa, cos seus respectivos condutores para facer unha limpeza exhaustiva das parcelas municipais situadas entre o Punto Limpo e a planta de transferencia de Sogama, máis concretamente na contorna coñecida como o antigo mercado gandeiro de Lugo”, puntualizou Miguel Fernández.

Alén de eliminar a vexetación que nace na zona de forma espontánea, os traballos inclúen a retirada de lixo e entullo que se foi acumulando na zona e destacou que, dende que comezou o ano, as brigadas realizaron o acondicionamento completo do barrio da Louzaneta no que se refire a soares, vías e camiños públicos.

Tamén se asearon os predios municipais do barrio do Castiñeiro e da Abella, do de Albeiros e nas rúas Cuartel, Vento, Infanta Elena e Illa Madeira, así como no estacionamento disuasorio ubicado en Manuel Portela.

“Nos próximos días o servizo desprazarase á Piringalla, á Croa e á rúa Primavera e posteriormente acudirá ás Gándaras, Fervedoira e aos arredores do Hospital Lucus Augusti, atendendo ás necesidades da cidade e ás demandas que a este respecto nos traslada a veciñanza”, concluíu o responsable de Medio Ambiente.